Skip to main content
Sarria

As familias de Sarria contarán este verán co programa de conciliación ‘Viaxe no tempo’ para os nenos e nenas

Por 15 Xuño, 2023Sin comentarios

Sarria acollerá este verán o programa de conciliación ‘Viaxe no tempo’, unha ludoteca de lecer e tempo libre infantil dirixida aos fillos e fillas das familias traballadoras, con idades comprendidas entre os 4 e os 6 anos.

O obxectivo é favorecer durante os meses de verán a conciliación da vida familiar e laboral ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral das e dos menores participantes a través dunha programación que combina o xogo coas actividades creativas, culturais e o coñecemento do entorno próximo.

Esta pedagoxía do lecer está baseada na educación en igualdade e na procura de actividades de proveito e saudables para a poboación de educación infantil.

Así, a ludoteca dividirase en catro quendas distribuídas nos meses de xullo e agosto: do 3 ao 15 de xullo, do 16 ao 30 de xullo, do 1 ao 15 de agosto e do 16 ao 31 de agosto.

Programa e inscricións

Haberá, ademais da ludoteca, a opción dun servizo de madrugadores, que terá lugar desde as 07.30 ás 09.30 horas, mentres que a ludoteca terá un horario de 09.30 a 14.00 horas.

Para os pais que máis traballan, tamén hai a opción de tardes na escola, de 14.00 a 15.30 horas, que inclúe servizo de friameira, garda e custodia ata a recollida.

Con respecto á solicitude de praza, poderá facerse desde hoxe, 15 de xuño, e ata o vindeiro 19 de xuño incluído no Concello de Sarria e, de quedar prazas libres, poderanse apuntar nenos finalizado o prazo.

Así, o 21 de xuño publicarase a listaxe de solicitudes admitidas, do 22 ao 26 haberá que presentar a documentación esixida e volverase publicar a lista, pero definitiva, o 27 de xuño.