Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca TERRACHÁXA

O SLG pide unha liña de axudas para afectados das treboadas como os de Castro de Rei

Por 15 Xuño, 2023Sin comentarios

Insta á Xunta de Galicia a crear un comité centrado no estudo das repercusións do quecemento global no agro galego.

Os episodios de fortes treboadas con choiva e aparato eléctrico desatados nos últimos días están afectar de xeito directo á produción de alimentos no noso país, presentándose casos de graves perdas ao longo de todo o territorio e impactando en distintos sectores produtivos, segundo explica o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL)

Polo tanto, o colectivo solicita á Consellaría do Medio Rural que proceda a realizar unha valoración de danos nos cultivos e nas granxas, así como a apertura dunha liña específica de axudas, a fin de contar cun estudo de danos e proceder á indemnización ás granxas por estas perdas.

Como explican, na zona de Castro de Rei, por exemplo, as labregas e labregos están padecendo os efectos de practicamente dúas semanas con treboadas e fortes choivas, “contabilizándose importantes perdas no millo que estaba nacendo e na herba que estaba lista para ensilar. Estas circunstancias redundarán en perdas para as granxas vinculadas ao aumento de custos de produción”.

Do mesmo xeito, no sur do país, na provincia de Ourense producíronse estragos no centeo, así como o anegamento de producións de patacas e un aumento do mildiu, que tamén se está a constatar nas vides, presentando serias dificultades para o seu tratamento por mor da alta humidade combinada con temperaturas cálidas.

“Atopámonos con que neste mes de maio estamos tendo unha climatoloxía máis propia do mes de abril, batendo contra as colleitas xa avanzadas. Neste sentido, dende o SLG-CCLL reiteramos a pertinencia de que a Mesa da Seca activada pola Xunta de Galicia incorpore tamén ás súas análises e medidas a realidade da mudanza climática”, din.

Asemade, consideran imprescindíbel a creación dun espazo específico de análise, seguemento e actuación que permita anticiparse ás consecuencias desta alteración meteorolóxica no sector produtor de alimentos, un órgano de traballo constituído por referentes científicos e representantes das labregas e labregos, que elabore estudos prospectivos e propoña medidas que permitan que as granxas poidamos adiantarnos a futuros prexuízos derivados do actual quecemento global.