Skip to main content
CospeitoLugo

Abre a inscrición ás actividades de lecer do Centro de Interpretación Terras do Miño

Por 26 Xuño, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo organizou novas actividades gratuítas para este verán que buscan fomentar o coidado do medio ambiente e o lecer saudable para todos os públicos no Centro de Interpretación Terras do Miño, xestionado pola institución provincial. A programación inclúe seis propostas que se desenvolverán do 3 de xullo ao 1 de outubro.

O prazo de inscrición ábrese mañá, martes 27 de xuño, e as persoas interesadas xa poden anotarse na páxina web da institución provincial, en concreto, neste enlace.

A primeira actividade celebrarase do 3 ao 7 de xullo e será Recorrendo o Miño en caiac, destinada a público familiar e que conta con 20 prazas. Celebrarase en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Tamén no mes de xullo, do 10 ao 14, haberá Xogos tradicionais para os máis pequenos. Esta actividade ten 15 prazas e terá lugar en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Xa no mes de setembro, a Deputación programou tres iniciativas. A primeira, Exploradores no Río Rato: Finalizando o verán, será do 4 ao 8 de setembro e está destinada a nenos e nenas de 6 a 12 anos en horario de mañá. Posteriormente, do 11 ao 15 de setembro, os adultos contan con 15 prazas para un taller de Elaboración de Conservas Artesanais. Esta proposta será de 10.00 a 14.00 horas. Do 18 ao 21 de setembro terá lugar a actividade Exploradores no río Rato: curioseando na natureza, pensada para os máis pequenos e en horario de tarde, de 17.00 a 18.30 horas.

Por último, o 30 de setembro e o 1 de outubro, con motivo do Día Mundial das Aves Migratorias que se celebra o 14 de outubro, ofrécense xornadas de observación na Lagoa de Cospeito. Este proxecto ten 15 prazas e celebrarase en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

As iniciativas contan cun número de prazas reducido e os interesados e interesadas en participar deberán inscribirse con anterioridade na web da institución provincial. Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao teléfono 982.305.930 ou consultar no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org