Skip to main content
Guitiriz

Todo listo preparado para o terceiro Festival de Poesía Guitirica

Por 13 Xuño, 2023Sin comentarios

Na segunda fin de semana de xullo terá lugar en Guitiriz na Casa Habanera a terceira edición do Festival de Poesía que organiza a Nova Poesía Guitirica NPG coa colaboración do concello e a Asociación de Hosteleria local.

A programación, que xa foi presentada, contará con pasarrúas poéticos, presentacións das máis recentes novidades poéticas, concertos poéticos musicais e entregas dos premios Vilarinhas e Díaz Castro de poesía.

Guitiriz é con este festival unha das escasas localidades galegas que programan festivais de poesía entre as que están localidades como Ferrol, Allariz, Salvaterra, O Couto (Ponteceso), algunhas delas con moitos anos de experiencia.

O festival dará comezo o sábado 8 der xullo coa presentación de Chamádete lúbrica, de Xulio Pardo de Neyra, para continuar ao longo da mañá con recitais polas terrazas dos bares de Guitiriz.

As intervencións poéticas estarán ao cargo de Paulo Maestro e Isabel Pardo, que farán unha performance; de Ana Tomé e José Vázquez Liste, cunha Photoversia, e un canto á poesía galega de Minguante. Finalizará a xornada, ás 20.30 horas, co recital das Comadres das Letras.

O domingo 9 de xullo, ás 12.00 horas, Luz Campello será a entrega da lectura do pregón, que precederá á entrega dos premios Vilarinhas 2023. Clausurarase a sesión coa presentación do libro Premio Díaz Castro 2021, Como o ruído que fan as portas ao fecharse, de Pablo Bouza. O acto estará amenizado polo cantautor Alfredo González Vilela.

No mes de xullo as Vilarinhas 2023 estarán expostas nas farolas de Guitiriz e as realizadas polos rapaces poderán visitarse nunha exposición no CEIP Lagostelle.