Skip to main content
Meira

Continúan os actos de apoio a Avelino Díaz cunha carreira, unha andaina e a entrega de premios

Por 19 Xuño, 2023Xuño 20th, 2023Sin comentarios

O obxectivo de que a Real Academia da Lingua dedique a Avelino Díaz o Día das Letras Galegas continúa firme e este mércores están convocadas dúas actividades con este fin.

Así o Ies Pedregal De Irimia de Meira organizou da II Carreira Solidaria baixo o nome Unhas letras para Avelino. Esta terá lugar a partir das 9.45 horas da mañá deste mércores 21 na contorna do instituto. Está aberta á participación de alumnado e persoal docente e pódese facer andando modo paseo ou correndo.

O circuíto consta de 1,35 quilómetros, distancia prevista para os máis pequenos (1º, 2º e 3º da ESO). O resto fará dúas voltas. Haberá premios para eles e elas, clasificados en cada categoría.

Para participar tamén é necesario inscrición previa.

Por outra banda, no colexio Poeta Avelino Díaz está prevista a celebración da primeira Andaina con Avelino na que participará o alumnado, a técnica de turismo, a comunidade educativa e o profesorado. Percorreranse os lugares de interese da ruta meirega e haberá outros xogos e actividades. Así, están previstas actividades artísticas, confección de puzzles, lectura de poemas e rematarán cun xantar.

Os alumnos do colexio terán pola tarde, a partir das 16.30 horas a festa de final de curso, organizada pola anpa do centro. Nesta sesión habrerá inchables, pintacaras, merenda e música con sesión acuática tamén. Esta sesión será gratuíta para os socios da anpa e terá un prezo de 15 euros para os non socios.

ENTREGA DE PREMIOS

Por outra banda, esta fin de semana fíxose entrega dos premios do Certame de poesía e debuxo Avelino Díaz.

Entre os máis pequenos, de 3 a 8 anos, a disciplina foi o debuxo e o vencedor foi Mara Campos Nogueira con Mosaico de Avelino, seguida de Hafsa Rezkaoui, por Avelino e Daniela Pirata, e Erik Arredondo Marín, con O barco de Avelino. Tamén e concedeu un accésit a Xiana Paz Val por Primavera en Meira II.

En poesía, na categoría de 9 a 12 anos, o traballo Pronto rompera a cadea de Guillermo Quintero foi a gañadora á que acompañaron Que é a familia?, de Alexandra López Álvarez, e A miña aldea, de Alejandro Reigosa Ramallal.

Na categoría C, de 13 a 17 anos, houbo só un premio, para Rut Busto Domíngue por  Respiro, respira.

O xurado estivo formado por Xosé Otero Canto, Silvina Gallo Gabín e Natalia Lema Otero con Agustín Méndez Moirón como secretario.

Os premios foron entregados no Concello de Riotorto por parte dos alcaldes das dúas localidades, o local Clemente Iglesias e o meirego Antonio de Dios.