Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

A cesteira Idoia Cuesta participará na Bienal de arte de Corea do Sur

Por 11 Xuño, 2023Sin comentarios

A cesteira Idoia Cuesta, a ceramista Marta Armada e a artesá especializada en escultura téxtil Mercedes Vicente, que forman parte da marca Artesanía de Galicia, participarán na décimo terceira edición da Cheongju Craft Biennale, que se celebrará en Corea do Sur do 1 de setembro ao 15 de outubro, como parte da colección de artesanía española, impulsada por EOI Fundesarte e na que participan outros 28 artesáns.

A Bienal de Artesanía de Cheongju comezou no ano 1999 como a primeira bienal de artesanía do mundo e hoxe en día está consolidada como un importante evento de artesanía contemporánea, un encontro que atrae a máis de 300.000 visitantes e que permitirá coñecer preto de 3.000 creadores de 60 países diferentes.

Na edición deste ano, España será o país convidado de honra e contará cun espazo expositivo de 730m2, no que se amosará a colección “Soul+Matter”, comisariada por Rubén Torres. Trátase dunha selección de máis de 150 pezas de 31 artesáns de todo o país, entre os que se atopan as tres representantes de Artesanía de Galicia.

A cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei, Lugo), Premio Artesanía de Galicia 2022 pola súa peza Abisal, que precisamente é a imaxe da colección española que participará na bienal, é unha referencia da artesanía contemporánea en España a través da actualización das técnicas da cestería e a súa aplicación a diferentes materiais como as fibras téxtiles, o coiro ou a tanza de pesca. Colaboradora desde o ano 2012 da firma Loewe, Idoia Cuesta está a enfocar a súa actividade cara a unha cestería máis artística e menos funcional. Marcas como Zara Home, Adolfo Domínguez ou La Nena Home teñen contado con ela para intervir con montaxes de cestería as súas tendas.

A ceramista Marta Armada (Vigo), Premio Artesanía de Galicia 2014 co seu colar Sin lastre, está especializada na xoiería cerámica e conta cunha dilatada carreira na que combina creación artística e oficio artesanal. Marta Armada foi artista residente en Taiwán e galardoada co Premio Recomendación na Taiwan Ceramic Biennale 2020 e cunha Mención Honorable na 10th International Ceramics Competition Mino 2017, en Xapón.

Mercedes Vicente (Brión) está especializada na creación de esculturas a partir de tiras de tecido. Despois de traballar noutros ámbitos como a pintura ou a escultura, Mercedes Vicente desenvolve a súa propia metodoloxía para achegarse ao téxtil desde o volume e crear as espirais que a caracterizan. Foi precisamente cunha delas, Scalaria Bifurca, coa que resultou finalista do Loewe Craft Prize 2018, a segunda edición deste certame internacional que recoñece a excelencia e a innovación na artesanía contemporánea. Foi a única española entre os finalistas e a súa peza participou na exposición colectiva organizada polo Loewe Craft Prize no Design Museum de Londres.