Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

Aberto o prazo para inscribirse no campo de traballo das Insuas de Rábade

Por 11 Xuño, 2023Sin comentarios

Este ano volve convocarse o InsuaCAMP na Casa das Insuas de Rábade, que terá lugar do 31 de xullo ao 5 de agosto, o campo de traballo que, como todos os anos, centrarase no estudo dos quirópteros forestais e os odonatos.

O InsuaCAMP ofrece un espazo formativo a persoas interesadas en profundar en metodoloxías de estudo de diferentes grupos faunísticos e florísticos, nun dos máis extensos e mellor conservados bosques aluviales da península Ibérica: o que tapiza a conca alta do río Miño en Terra Cha, na Reserva da Biosfera Terras do Miño (Lugo). E especialmente nas insuas (illas) de Rábade, máis de 100 hectáreas de bosque e prados seminaturales nas que Morcegos de Galicia conta cunha extensa rede de caixas refuxio para morcegos.

Roberto Hermida, Zeltia López e Paulo Barros forman o equipo de Morcegos de Galicia que dirixirá o traballo con quirópteros, que incluirá mostraxes con redes de néboa e trampas arpa para captura de exemplares e procesamento en man e a revisión de caixas-refuxio, marcaxe individual con transponders e seguimento dos exemplares marcados.

Morcegos de Galicia conta cunha rede de máis de 100 caixas-refuxio instalada en 2008 nas insuas do río Miño, utilizada por seis especies de morcegos. E na contorna viven moitas máis que poderemos observar durante as mostraxes nocturnas.

A coordinación do traballo con odonatos correrá a cargo de Martiño Cabana e Anxos Romeo, especialistas neste grupo zoológico, e consistirá na realización de inventarios baseados na observación de exemplares adultos e a recollida de exuvias, identificación e elaboración dunha colección de referencia.

Organizaranse grupos de traballo rotativos, de modo que todos os participantes teñan ocasión de coñecer e practicar as diferentes metodoloxías.

InsuaCAMP ofrece 12 prazas para persoas interesadas en profundar no estudo destes grupos, compartir experiencias e coñecementos con outras persoas, nun ambiente distendido, cun forte ritmo de traballo, nun espazo natural privilexiado. Conta co financiamento da Deputación de Lugo, e ten un custo de inscrición de  75 euros.

O prazo para inscribirse termina o 1 de xullo.