Skip to main content
Vilalba

A Escola de Bordelle celebra o centenario da súa inauguración

Por 18 Xuño, 2023Xuño 19th, 2023Sin comentarios

A escola de Bordelle celebrou o centenario da súa inauguración nunha xuntaza á que acudiron máis dun centenar de persoas. Esta xornada tan especial coincidiu coa reunión de socios que realizan todos os anos dende a Asociación Cultural Casa Escola de Bordelle e onde ademais dunha comida os participantes puideron desfrutar de xogos tradicionais, música en directo e un pequeño agasallo conmemorativo a cada asistente. Algúns dos participantes acudiron á celebración vestidos de época e malia a treboada e a saraiba foi unha xornada chea de ledicia.

A escola foi unha centro de ensino veciñal, construída polos veciños do barrio de Bordelle ao longo dos anos e que pechou as súas portas como centro educativo a comezos dos anos oitenta. Sen embargo hai 14 anos un grupo de veciños decidiron dar comezo á Asociación Cultural Escola de Bordelle que nace como unha asociación cultural e veciñal co principal obxectivo de recuperar o edificio da escola, que nese momento estaba abandonado.

Recuperar este espazo e reunir aos veciños eran os obxectivos deste grupo de persoas que deron vida á asociación e que a día de hoxe realizan cursos de manualidades, cursos de micoloxía ou ximnasia de mantemento. Tamén celebra o día das Letras Galegas cunha andaina, a noite de San Xoan, e o magosto e realizan unha excursión anual por terras galegas. Ademais, segundo informa o seu presidente, Óscar Mouteira “un par de días á semana un grupo de veciños reúnense no local para realizar diferentes xogos e charlar un rato”.

Unido á rehabilitación e recuperación da antiga escola esta asociación, da que forman parte 170 socios, tamén ten como obxectivo principal manter e difundir o patrimonio do barrio de Bordelle como a Medoña do Estelo ou o acubillo da Pena Grande.

No 2018 grazas ao traballo desta asociación unido ao traballo do Mupav e en colaboración coa Asociación de Amigos do Museo de Vilalba inaugurouse un panel da Ruta do Patrimonio de Bordelle. Este panel inclúe diversos elementos do patrimonio natural e cultural desta zona entre os que destacan o acubillo Paleolítico de Pena Grande, a Medoña do Estelo, a Pena do Voitre, ou a Capela de Santiago.

Así mesmo, esta asociación tamén busca representar aos veciños en todo o que necesiten diante das institucións e de cara ao futuro buscan “rematar de restaurar tanto o interior como o exterior da escola e seguir a mellorar o local” para que o podan seguir desfrutando todos os veciños.

Tamén teñen en mente realizar un “Centro de Interpretación do acubillo da Pena Grande e así ter algún proxecto e espazo para os restos prehistóricos onde poder dispoñer dalgunha copia das pezas orixinais que hai no museo da prehistoria de vilalba” e por suposto “continuar a realizar as actvidades para todos os veciños, para que podamos estar xuntos e a escola poda seguir sendo un lugar de encontro e reunión”.