Skip to main content
Vilalba

Sandra Vázquez, nova secretaria Xeral de Igualdade na Xunta

Por 22 Xuño, 2023Sin comentarios

Sandra López será a nova voceira do grupo municipal popular vilalbés.

Sandra López Rodríguez foi elixida por unanimidade entre os concelleiros populares da corporación local de Vilalba como nova portavoz do Grupo Municipal Popular que vén de constituírse formalmente trala toma de posesión dos concelleiros electos.

López accede á portavocía tralo nomeamento por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, da cabeza de lista da candidatura do PP en Vilalba, Sandra Vázquez, como nova Secretaria Xeral de Igualdade. Vázquez asegura que “o meu compromiso con Vilalba segue intacto. Agora traballarei por Vilalba e o resto de Galicia dende o Goberno galego”. Nese sentido, trasladou o seu agradecemento ao presidente Alfonso Rueda e á conselleira Elena Rivo.

O PP de Vilalba cre firmemente que Sandra López, coñecedora do funcionamento dun Concello, desenvolverá un gran traballo á fronte do Grupo Municipal Popular. Co seu nomeamento, os populares continúan dando pasos á hora de achegar caras novas á vida política vilalbesa e de outorgar peso político ás mulleres e ao rural da man desta moza da parroquia de Belesar de 34 anos de idade, mestra de Educación Primaria e funcionaria da Administración Local.

Os demais concelleiros populares, que tamén compaxinarán as súas ocupacións profesionais co labor de representantes dos vilalbeses na Corporación municipal, serán vicevoceiros. O Partido Popular agradécelles a todos a súa vontade de traballo por Vilalba e os vilalbeses e, concretamente, sobre a voceira subliñan a súa boa disposición para asumir esta responsabilidade tendo en conta que “implica unha gran responsabilidade e dedicación”.

O Grupo Municipal Popular no seu conxunto desenvolverá o seu labor “tendo sempre en conta o mellor para Vilalba e os vilalbeses”. Nese sentido, Sandra López avanza que “desenvolveremos unha oposición útil e construtiva. Seguiremos mantendo unha escoita permanente coa sociedade, cos representantes dos distintos colectivos veciñais, sociais, empresariais, culturais ou deportivos e poñendo voz na Corporación municipal ás demandas ou necesidades do conxunto de Vilalba”. E, por outra banda, “seguiremos moi de preto a actividade do goberno bipartito, estudaremos as súas propostas e tamén seremos críticos con aquelas decisións que consideremos prexudiciais para os nosos veciños e veciñas”.

VILALBA NO GOBERNO DA XUNTA

O PP agradece que “o presidente da Xunta teña presente Vilalba e que agora, ademais, confiara nunha vilalbesa para formar parte do Goberno autonómico. É, sen dúbida, unha boa nova non só para a nosa presidenta ou para a agrupación local do Partido Popular; senón tamén para Vilalba, que gana peso no Goberno galego”.

Vázquez, que deberá deixar as súas actas como concelleira e deputada no Parlamento de Galicia, continuará á fronte da agrupación local do Partido Popular da que é presidenta.