Skip to main content
BarallaCervantesComarca TERRACHÁXAFolgoso do CourelLáncaraTrabadaVilalba

O SLG advierte sobre as repercusións da transformación de parcelas de rústicas a urbanas no Catastro

Por 25 Xuño, 2023Xuño 26th, 2023Sin comentarios

“Solicitamos información ao concello de Vilalba e pedimos que as persoas afectadas sexan informadas dos seus dereitos. Tamén afecta aos concellos da Pastoriza, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Láncara e Trabada”.

A sede electrónica do catastro publicou este mes un edicto de regularización catastral que afectaría a sete concellos da provincia de Lugo, mediante o cal as persoas con propiedades situadas nos municipios de A Pastoriza, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Láncara, Trabada e Vilalba pasarán a pagar un IBI urbano por fincas que até o dagora eran consideradas como rústicas.

Este proceso simplificado de valoración colectiva implica tamén a aplicación retroactiva deste IBI urbano, polo que as persoas titulares das fincas terían que abonar os últimos catro anos.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de dirixirse ao concello de Vilalba -en vindeiros días aos restantes concellos afectados- para trasladarlle que foron realizadas consultas ao respecto con traballadores/as municipais a fin de coñecer as implicacións desta modificación, así como para solicitar onde poder consultar a listaxe de persoas afectadas, comunicándosenos que polo momento o Concello non ten acceso a estes datos.

“Dadas as importantes implicacións que pode ter este procedemento para as veciñas e veciños con propiedades nos núcleos rurais, dende o SLG-CCLL solicitamos ás responsables municipais que se dirixan á Xerencia Provincial do Catastro para que canto menos lles faciliten as titulares catastrais e parcelas afectadas por este procedemento simplificado de valoración colectiva”, din.

Unha vez que se teña o listado, solicitan que a equipa técnica municipal informe ás afectadas das implicacións desta modificación, das alegacións que poden presentar unha vez lles sexa comunicada, así como das actualizacións e informacións que precisen sobre este procedemento.

Asemade, piden que se estuden e regulen as bonificacións no IBI, no caso de non existir xa, para minorar a presión fiscal sobre as parcelas e inmobles revisados, “fundamentalmente pola falta de servizos, inexistentes na maioría dos núcleos rurais”. Tamén solicitan que no caso de que se poña o cobro atrasos por esta regularización, estes sexan anulados.