Skip to main content
Vilalba

O día 12 de outubro estrean a obra ‘Iribarne’, basada na vida de Manuel Fraga

Por 25 Xuño, 2023Sin comentarios

Iribarne, a nova creación escénica de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, directores da plataforma ButacaZero, xa ten data e lugar de estreo. O Centro Dramático Nacional (CDN) acollerá o xoves 12 de outubro a estrea absoluta da peza, que se manterá no cartel do Teatro María Guerrero ata o 12 de novembro, para iniciar en xaneiro de 2024 a súa xira pola xeografía galega e o resto de España.

Iribarne, unha coprodución de ButacaZero, CDN e MIT de Ribadavia, naceu como un proxecto de investigación escénica ao redor da vida e do percorrido político de Manuel Fraga Iribarne coa intención de entender non só a súa figura, se non descubrir as implicacións que tivo -e segue tendo no noso presente- un dos nomes máis controvertidos e populares da nosa historia recente. “Non é exactamente un biopic, pois non cabería nunha soa obra”, advirten Carrodeguas e Castiñeira, pero se que é un “paseo pola Transición camiñando xunto a un personaxe secundario, pero absolutamente imprescindible, da mesma. Iribarne é un intento irreverente por comprender como chegamos ata aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón”, apuntan os creadores.

A investigación comezou en xaneiro de 2022, ano no que se celebrou o centenario do nacemento e os dez anos do falecemento de Fraga Iribarne, a través do contacto con persoas que lle trataban, ademais da gravación de entrevistas a diferentes figuras do ámbito político e social. “Abordar un personaxe tan popular como Manuel Fraga, que deixou o seu selo persoal en case todos os eventos e celebracións de Galicia, tíñase que facer coa colaboración de quen albergaba memoria directa sobre el”, expoñen os directores da plataforma creativa galega. Así, desde ButacaZero, iniciaron un proceso de investigación e recompilación de información, que derivou nunha residencia creativa no Pazo de Mariñán (onde Fraga empezou a deseñar a súa retirada política), ademais do seu paso polo itinerario Cruzamentos do proxecto Camiño Escena Norte e por outra residencia creativa na Sala Beckett de Barcelona.

O próximo 12 de outubro poderase ver Iribarne, por primeira vez, sobre as táboas da Sala Francisco Nieva do Teatro Valle Inclán do Centro Dramático Nacional. Será no marco da tempada escénica 2023-2024 da institución, presentada esta mesma mañá. A peza, que permanecerá en cartel ata o 12 de novembro no teatro madrileño, contará cun elenco conformado por Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lida Veiga, Jorge Arcos e a propia Esther F. Carrodeguas. No equipo artístico figuran tamén Sabela Domínguez como coreógrafa e axudante de dirección; Diego Valeiras -gañador do Premio María Casares 2022 á mellor maquillaxe por Papagena- como responsable de vestiario -e da escenografía xunto a Xavier Castiñeira-; Diego Vilar como iluminador e o músico e produtor Berto como responsable do espazo sonoro e dos “temazos” musicais que acompañarán á obra.