Skip to main content
Vilalba

O PP lamenta que Vilalba continúe sen piscinas este verán

Por 30 Xuño, 2023Sin comentarios

Chegou, pois, a tempada estival e “Vilalba queda, por quinto ano consecutivo, sen poder facer uso das piscinas municipais, compromiso do anterior goberno local socialista encabezado por Elba Veleiro”, indican desde o Partido Popular.

“As obras das mesmas parece o conto de nunca acabar, mentres veciños/as e visitantes teñen que acudir cada verán a outros concellos para poder desfrutar deste tipo de instalacións que contribúen, en gran medida, á dinamización social e económica de calquera vila”, insisten.

Por outra banda, os veciños/as tampouco poden facer uso da zona da praia fluvial posto que “o estado de abandono no que se atopa é lamentable ó igual que o resto da Área Recreativa A Madalena”, engaden.

Lembran que A Madalena e o Paseo dos Soños constitúen espazos emblemáticos de Vilalba, con grande atractivo turístico. “Rodeados de natureza, ofrecen distintas opcións de desfrute do tempo de lecer tanto a veciños/as como a persoas foráneas que visitan a vila, principalmente, na tempada estival. Porén, as condicións nas que se atopan proporciona unha estampa de descoido e suciedade que non resulta agradable para ninguén”.

“Comprobamos, unha vez máis, que Vilalba segue nun estado de parálise e estancamento. Agardamos que o novo equipo de goberno reflexione e tome acción para que a nosa vila volva a ser unha vila acolledora e cos servizos necesarios”, din.