Skip to main content
Xermade

Convocado o premio Xermade na Historia na xornada de entrega da edición 2023

Por 5 Xuño, 2023Xuño 6th, 2023Sin comentarios

Un ano máis, o Concello de Xermade convocou o Premio de Investigación Xermade na Historia, a X edición, que organizan conxuntamente o Concello, a asociación de veciños de Cabreiros e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, co patrocinio da Deputación de Lugo.

A convocatoria fíxose oficial na entrega do premio da edición actual, que se desenvolveu este sábado no transcurso das Xornadas Interxeracionais celebradas en Cabreiros.

O xurado do IX Premio de Investigación Xermade na historia outorgou o primeiro premio á obra Realidade demográfica e socioeconómica de Xermade no século XVIII: O papel da muller, presentado por Alberta Lorenzo Aspres, doutora en Arquitectura pola Universidade de A Coruña. Alberta Lorenzo foi a gañadora do premio Hume de investigación no ano 2021 e tamén recibiu este mesmo galardón o ano pasado.

O xurado acordou tamén declarar deserto o segundo premio, dotado con mil euros.

Xa está aberto o prazo para presentar os traballos e este manterase ata o 23 de febreiro de 2024. Así mesmo, mantense un premio de 2.000 euros para o primeiro e un segundo galardón dotado con 1.000 euros. Os interesados en participar poderán facelo tanto de xeito individual como colectivo e con cantos traballos queiran presentar, sempre que estes versen sobre temas relacionados co patrimonio etnográfico e cultural de Xermade: tradicións, ritos, festas, arte popular, memoria histórica, costumes, arquitectura, etc.

A organización establece tamén unha extensión mínima de 50 folios e un máximo de 400 e deberán estar escritos en galego.

As investigacións deben remitirse por correo ao rexistro municipal e presentarse en impresos tamaño folio e cunha copia dixitalizada en CD ou USB. Irán acompañadas dun sobre pechado cos datos persoais do autor ou autores, así coma o seu currículum vitae, e do modelo de presentación que pode atoparse na web municipal, www.xermade.org, debidamente cuberto.

A organización resérvase o dereito de editar as obras gañadoras nos 5 anos seguintes.

O xurado estará composto polo alcalde do Concello e catro vogais: o presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural.