Skip to main content
Xermade

Xermade levará o luns a pleno a constitución do novo goberno local

Por 24 Xuño, 2023Xuño 26th, 2023Sin comentarios

Xermade constituiu o novo goberno local co nomeamento de tenentes de alcalde e delegación de áreas nos concelleiros e concelleiras.

Así o primeiro tenente de alcalde é José Prieto Barro, o segundo Carlos Alberto Guerra González e o terceiro Verónica Amarelo Morado.

Aos tenentes de alcalde, en canto tales, corresponderalles substituír ao alcalde na totalidade das súas funcións e pola orde de nomeamento, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que lle imposibilite para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións de alcalde nos supostos de vacante na Alcaldía ata que tome posesión o novo alcalde.

Polo que respecta ás delegacións de áreas, José Prieto Barro ocuparase de Medio rural, Emprego, Medio ambiente e Servizos. Carlos Alberto Guerra González fará o propio con Economía e Facenda, Turismo, Sanidade e Protección Civil e Verónica Amarelo Morado terá responsabilidades en Educación, Cultura, Deportes e Xuventude. Finalmente, Nélida Coira Pena levará Benestar social, Igualdade e Participación Cidadá.

Os restantes acordos relativos á organización municipal serán elevados ao Pleno, que se reunirá o luns 26 de xuño ás 14.30 horas.

As sesións ordinarias do pleno serán cada dous meses, o segundo xoves dos meses impares, polo que o primeiro Pleno ordinario terá lugar o xoves 13 de xullo de 2023, ás 20.00 horas. Tamén se crea a Xunta de Goberno Local, que estará formada polos tres tenentes de alcalde, baixo a presidencia do alcalde, e reunirase o primeiro e terceiro mércores de mes, ás 14.30 horas.

O réxime de dedicacións proposto é dunha dedicación parcial de 30 horas semanais para a Alcaldía (de 22.215,60 euros brutos en 12 pagas) e unha segunda dedicación parcial de 26 horas semanais para o primeiro tenente de alcalde (16.373,76 euros). As indemnizacións por asistencias a plenos son de 60 euros, para a Xunta de Goberno Local 100 euros e para comisións informativas e resto de órganos colexiados de 40 euros.

Darase conta da constitución dos grupos políticos municipais: o grupo municipal do Partido Popular, formado por 4 concelleiros, cuxo portavoz será Antonio Riveira, e o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Xermade, formado por 5 concelleiros, cuxo portavoz será Carlos Alberto Guerra González.