Skip to main content

As obras na estrada LU-651 provoca novos cortes de tráfico que afectarán á circulación ata o 7 de xullo

Por 29 Xuño, 2023Sin comentarios

As obras na LU-651 impedirán o acceso normal a algúns puntos do Concello de Folgoso do Courel, polo que o tráfico será desviado neses puntos. En concreto será necesario realizar un corte temporal da circulación de vehículos entre os P.k. 31+300 (acceso á Ferrería Nova e ao CPI Uxío Novoneira) ao P.K. 33+300 (a Seoane do Courel).

Estes desvíos provisionais estarán instalados a partir de mañá, venres 30 de xuño, e ata o vindeiro 7 de xullo co fin de poder acometer os traballos e garantir a seguridade dos usuarios da devandita estrada, habilitando para iso desvíos alternativos sinalizados segundo o tipo de vehículos.

O horario previsto de corte será, en días laborables, desde as 8.30 ata as 19.30 horas, quedando restablecida a circulación dos vehículos fóra da devandita franxa horaria, mediante un carril libre cunha regulación semafórica. Os días festivos e os fins de semana quedarán abertos os dous sentidos de circulación coa sinalización axeitada ás condicións da zona de obras

Desvíos alternativos para poder desprazarse

Desde o Concello de Folgoso do Courel dan varias alternativas para circular con distintos tipos de vehículos polas vías que o permitan, segundo as características tipolóxicas de ancho e alto dos vehículos.

Así, os vehículos lixeiros de anchura e altura inferior a dous metros poderán acceder polo camiño que baixa dende Seoane (á altura do bar Lembranza) á Ferrería Nova ou tomar unha ruta alternativa a través de Moreda.

Pola súa parte, os vehículos pesados ou de anchura ou altura superior a dous metros poderán acceder a Seoane do Courel pola estrada provincial LU-P-1301, que penetra no Concello polo norte, procedente de Hospital, en Pedrafita do Cebreiro; acceder pola estrada provincial LU-P-5601, que penetra no Concello polo oeste por Lóuzara e Meiraos; ou acceder pola estrada provincial LU-P-1303, que provén do leste e do sur, procedente de Quiroga, por Ferramulín, Hórreos e Visuña.

Os vehículos pesados ou das características de dimensións indicadas que circulen dende Folgoso cara a Seoane, deben tomar un desvío sinalizado en Mogoxe (LU-651, km 28,75) pola estrada provincial LU-P-1306, dirixíndose cara Seoane por Seceda, Santalla, Lóuzara e Meiraos para chegar a Seoane pola LU-P-5601.