Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAO Valadouro

María José Fernández Díaz: “Quero que o Mercado de Primavera sexa de Interese Turístico de Galicia”

Por 3 Xullo, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

María José Fernández Díaz, nada no Valadouro en 1971, é farmacéutica de profesión, e nas elección municipais volveu encabezar a candidatura de Udival e a pesar de ser a única elixida da lista, foi investida alcaldesa co apoio do PSOE e BNG. Xa nas eleccións municipais de 2007 foi candidata de TEGA ao concello do Valadouro e foi elixida concelleira. Nas de 2011 encabezou a candidatura de Udival e volveu ser elixida concelleira, repetindo no 2019.

Foi a única concelleira electa de Udival, e finalmente acadou o bastón de mando do Valadouro.

Eu estaba convencida de que non ía a apoiar a ninguén máis porque no seu momento xa traballei no tripartito. De non ser así meteríame de novo na oposición posto que antes de asinar un mal acordo prefería estar a marxe dun equipo de Goberno que ao final non me ía responder.

Obtivo o apoio de BNG e PSOE. Foron duras as negociacións?

As negociacións sempre teñen altibaixos, sempre existen tiras e afrouxas, pero a nosa alternativa era esta, por que pola outra xa pasáramos e non queríamos volver repetir o mesmo.

Como se sinte?

Estou moi contenta malia que nas primeiras semanas estiven un pouco desbordada polo traballo. Estou desexando que se repartan as áreas de traballo de cada concelleiro. Ademais eu non entendo que a política sexa un medio de vida, eu creo que a política é para servir ao pobo. Polo que gustaríame poñer un día á semana para escoitar aos veciños.

Aterrou na Alcaldía case coa chegada do verán.

Si, así foi, e moitas cousas da lexislatura anterior quedaron presas por fíos e agora ao chegar á Alcaldía atopeime algunhas tarefas e cousas que creo que non son de recibo.

Por exemplo?

Pois por exemplo o tema do Ludiverán ou da piscina, que non estaba licitada e agora mesmo é imposible atopar socorristas. Estamos buscando alternativas pero o tempo aprema. Eu creo que son cousas que sen tempo son imposibles de manexar e incluso inasimilables. Esta falta de previsión desborda ao que chega. Así que pode haber servizos que se vexan minguados por estes motivos. O lóxico era que estiveran perfilados por non dicir xa contratados todos estes servizos, porque non se pode atopar socorristas debaixo dunha pedra a primeiros de xullo, estamos poñendo todo o noso empeño en solucionalo.

Xa ten algún proxecto para O Valadouro?

Eu teño moita gana de crear un centro de día. Un centro en condicións, que sexa máis grande que o que se vai abrir nestes meses, e que permita que os maiores conten cun lugar para actividades, para charlar e que sirva para axudar ás familias nesta tarefa de coidado. Viría moi ben para fixar poboación.

Que problema ten este centro de día que se prevé abrir?

Na miña opinión é un parche por que ten poucas prazas e non conta con servizo de cociña, só ten catering. A conselleira viu durante a campaña para dicir que a Xunta de Galicia colaboraría na apertura e que sería en menos de seis meses.

Acaba de chegar á Alcaldía e atopouse coa problemática do polígono industrial, non?

Si. Pero acabo de aterrar polo que aínda teño que poñerme seriamente con este tema nas vindeiras semanas. Malia que o anterior Goberno díxonos que este tema depende da Xunta de Galicia, que está atascado alí polas modificacións das normas urbanísticas.

E as vivendas cooperativas na avenida da Veiga?

Este tema non foi para adiante xa que crear este tipo de cooperativa é moi custoso e sen apoio monetario para a inversión base dos cooperativistas, é complicado nos tempos que corren. A nosa idea será crear vivendas sociais, que é moito máis práctico para as familias, e xa contamos co terreo.

Ten algún proxecto ao que lle teña especial agarimo?

Teño moita ilusión en que o Mercado de Primavera sexa declarado de Interese Turístico Galego. Para min este mercado é algo totalmente distinto a outras feiras e hai que ilo diferenciando collendo as súas orixes da Virxe Milagreira e da capela, de cando viña o cantar de cegos, etc. Esta historia é a que temos que ir unindo ao mercado.