Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Conde avoga por “un sector pesqueiro con futuro e escoitando e apoiando ao sector”

Por 10 Xullo, 2023Sin comentarios

Os populares lucenses defenderon “un sector pesqueiro máis competitivo, con máis emprego e máis estable”. Así o expuxo o cabeza de lista por Lugo ao Congreso, Francisco Conde, durante unha visita á lonxa do porto de Celeiro, en Viveiro, xunto ao cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro, e membros das candidaturas do PP ás eleccións xerais.

O Partido Popular ten moi clara a importancia do sector para a provincia. Nese sentido, o candidato defendeu “un sector pesqueiro con futuro” para o que o programa dos populares recolle medidas de impulso. E, ademais, “para que se poida traballar con normalidade” o PP propón medidas para impulsar a remuda xeracional e frear o veto á pesca de fondo imposto dende Bruxelas e que prexudica de forma especial á frota da Mariña, tanto de Celeiro como de Burela.

Igualmente, Conde incidiu na proposta que viña defendendo o propio Alberto Núñez Feijóo de rebaixar o IVE do peixe como produto de primeira necesidade para incentivar o seu consumo. De feito, a negativa do Goberno de Sánchez a reducir o IVE do peixe, cando si reduciu de forma temporal o doutros produtos alimentarios como a pasta, supón un agravio comparativo que desincentiva o consumo e prexudica ao conxunto da cadea de comercialización.

MEDIDAS

O programa do Partido Popular recolle políticas que buscan acadar un sector pesqueiro español máis competitivo, xerador de riqueza e emprego, á vez que proporcionan seguridade e estabilidade. O desenvolvemento da actividade debe camiñar cara á sostibilidade facéndoa compatible co resto de actividades.

Igualmente, os populares apostan por “escoitar ao sector” e apoialo na implantación do novo regulamento de control de pesca e defender os seus intereses” tamén ante as institucións europeas e outros organismos internacionais. Nesta liña, apostan ademais por facer un seguimento do cumprimento dos acordos pesqueiros con terceiros países, en beneficio do conxunto da frota española.

Entre as propostas do Partido Popular para implantar desde o Goberno de España atópase tamén potenciar a remuda xeracional mediante a adaptación da formación ás necesidades do sector e facendo máis atractiva a vida a bordo. Ao mesmo tempo, defende a promoción dos produtos pesqueiros como parte dunha dieta saudable mediante a redución do IVE tanto aos produtos do mar como ás conservas e apoiar o labor do complexo mar-industria.

Outras das medidas que defenden os populares son a loita contra a pesca ilegal, garantir que este sector estratéxico contribúa á seguridade alimentaria e optimizar a xestión dos recursos do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura.

A XUNTA DE GALICIA, CO SECTOR

Conde puxo como exemplo as políticas da Xunta de “escoita e apoio ao sector pesqueiro e á cadea mar-industria”. O candidato ao Congreso subliñou que “o Executivo galego ten un modelo de xestión que permite defender os intereses do ámbito pesqueiro, o desenvolvemento da pesca sostible, o apoio á remuda xeracional, a promoción dos produtos pesqueiros e mellorar as infraestruturas. E esta forma de traballar é replicable a nivel nacional para mellorar a situación do sector”.

Algúns exemplos concretos son o investimento por parte do Goberno galego de 1,5 M€ para a promoción da pesca sostible e a incorporación de xente nova ao sector con aportacións para melloras a bordo dos buques pesqueiros ou a posta en marcha da campaña ‘GALICIA SABE AMAR’ para promover o consumo dos peixes e mariscos galegos, que este ano conta con catro foodtrucks que están a levar o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago.

ALMORZO CON EMPRESARIOS DA MARIÑA

Os candidatos ao Congreso e ao Senado tamén participaron nun almorzo informativo con empresarios da comarca da Mariña no hotel Palacio de Cristal en Burela, onde defenderon o programa electoral do Partido Popular “centrado no benestar das persoas e nunha economía competitiva”.

O cabeza de lista ao Congreso, Francisco Conde, asegurou durante a súa intervención que “Lugo necesita en España as políticas económicas do PP, que presenta un programa rigoroso para a industria e o emprego”. Nese sentido, destacou catro grandes obxectivos: o impulso dunha economía baseada no talento, na innovación e no coñecemento; a creación de emprego de calidade para todos; o control do déficit e da débeda e redución da presión fiscal; e a reindustrialización da economía, facendo un mellor uso dos fondos europeos.