Skip to main content
Alfoz

Alfoz: fervenza do Escouridal

Por 27 Xullo, 2023Agosto 6th, 2023Sin comentarios

Esta ruta situada na serra do Xistral permite contemplar un sobranceiro espectáculo natural.

Esta fermosa fervenza atópase entre O Pereiro, no concello de Alfoz, e O Cadramón, no concello do Valadouro, ambos en plena Serra do Xistral, onde os viandantes poderán deixar o coche aparcado ao carón da estrada, xusto preto de onde dá comezo a ruta.

Neste paseo poderanse coñecer distintas contornas desta serra: río, bosque, prados gandeiros e penedos graníticos que ocupan a parte alta da serra. Os puntos máis destacados son a fervenza e a Pena Abaladoira.

Para chegar ata a fervenza o camiño é curto e sinxelo, e está moi ben sinalizado. A baixada cara o salto de auga conta cunhas escaleiras e pasamáns de madeira así como con cordas para que sexa máis seguro o descenso. Para os máis aventureiros tamén dispón dunha pequena corda para facilitar chegar á parte superior, desde onde se pode apreciar todo o seu esplendor.

O río de Guilfonso, afluente do río Ouro, forma este salto de auga escorregando por unha parede de roca para salvar o desnivel do terreo, uns 80 metros de altura.
Está considerada a máis alta de Galicia, e divide os Concellos de Alfoz e O Valadouro, e ten máis de 80 metros de caída entre saltos de auga e tobogáns, cun fondo de roca granítica.

En época de outono ou inverno, e as veces no comezo da primavera, pódese desfrutar do seu gran caudal, debido ás grandes e continuas chuvias.

Unha vez vista volverase sobre os mesmos pasos ata a sinalización que conducirá ata o Cruceiro da Caxigueira, a través dun camiño amplo entre leiras e pastos nos que acompañarán os animais destinados a gando. Finalmente seguiranse as sinais ata chegar de novo a unha zona un pouco máis espesa en canto a vexetación, e haberá que seguir o camiño ata chegar de novo ao coche.

Tamén poderase seguir a ruta cara o alto da serra por un camiño entre unhas casas que despois de pasar o pequeno cruceiro de Faián vólvese carreiro. Divisarase un fermosos panorama de prados intensamente verdes que culminan con suaves ondas. No medio da paisaxe salpícanse pequenas aldeas.

En definitiva, trátase dun percorrido curto moi ben sinalizado e apto para nenos. En época de choivas hai bastante barro no camiño, xa que é paso habitual dalgún que outro tractor. Non é unha ruta moi aconsellable para xente con mobilidade reducida.