Skip to main content
Burela

Burela contará cun comité de praias para converter os areais en espazos máis vivibles

Por 14 Xullo, 2023Sin comentarios

Burela converterá os areais en espazos máis vivibles. Así o asegurou a alcaldesa, Carmela López, tras a xuntanza mantida hoxe polo comité de praias na que se abordaron cuestións como a limpeza ou a falla de socorristas.

A rexedora e presidenta do comité de praias contou que “o que fixemos neste encontro foi por en valor os centros azuis (a Aula Medio Ambiental Gaia e o barco museo Reina del Carmen), onde se izará a bandeira marcando este como o acto institucional principal”.

Enriba da mesa estivo tamén a escaseza de socorristas: “abordamos a problemática que sufrimos un verán máis ante a falla de socorristas e a xestión realizada desde Burela ao contratar aos técnicos sanitarios. Coas posibilidades que tiña enriba da mesa o pasado 19 de xuño a opción elixida foi a mellor”. E engadiu: “esta mañá tamén falamos de posibles alternativas de cara ao vindeiro ano. Imos trasladarlle á Fegamp e á Mancomunidade -xa coñecedores da problemática e de que o sistema actual marcado pola Xunta de Galicia non funciona- a necesidade de tentar alcanzar melloras e así evitar que isto se converta nunha loita entre concellos para conseguir socorristas para as nosas praias”. Para Carmela López “tal e como está plantexado na actualidade queda claro que o sistema falla e vese que favorece a contratación de servizos privados ”.

A rexedora contou que “tamén analizamos a limpeza que estamos a realizar nas praias, así como as inversións que estamos a facer en sinalización e en mobiliario, investimos en cambiadores novos porque precisan ser substituídos. Levo a Concellería de Medio Ambiente e son a presidenta deste comité de praias e quero investir e darlle un xiro á vida das nosas praias porque xullo e agosto non son suficientes”.

López subliñou que “a proposta que levei a esta reunión é converter as praias en espazos máis vivibles, queremos que a vida nos areais non se limite so aos meses de xullo e agosto, senón que é preciso anticiparse en todo, é dicir preparar as praias antes e que a partir de xuño poidamos gozar delas”.

O secretario do comité de praias, Mario Pillado, sinalou que “emprazamos aos membros do comité a unha nova convocatoria trala tempada estival para facer balance da mesma, así como tamén anunciamos que o vindeiro ano farase unha convocatoria previa, na primavera, para preparar a nova tempada de verán. Deste xeito buscamos a maior anticipación e previsión posible”.

O comité de praias está formado por: Carmela López Moreno (Alcaldesa e presidenta do comité); Ramiro Fernández Rey (Concelleiro de Obras e Servizos e coordinador do comité); Mario Pillado Mon (Concelleiro de Educación e secretario do comité); Félix Alberto Martins GonÇalves (representante do grupo municipal do Partido Popular); Alberto Eiroá Pérez (representante do grupo mixto); Juan Luis Moreno Cazorla (representante da empresa de abastecemento e saneamento de auga); Luis Torre e Belén González (representantes da empresa de xestión dos residuos); Jose Emilio García López (xefe de Protección Civil); José Manuel Rey Barcia (representante da asociación de veciños O Vencello) e  Manuel Vicente Galdón Couto (xefe da Policía Local).