Skip to main content
Mondoñedo

Un ano máis chega o festival Mindomúsica ao principio do verán mindoniense para encher de música a vila

Por 1 Xullo, 2023Xullo 19th, 2023Sin comentarios

Un ano máis chega o festival Mindomúsica ao principio do verán mindoniense para encher de música clásica as diferentes partes do municipio.

Esta cita festiva musical comeza este, domingo 2 de xullo, co concerto de Trío Castelao no Auditorio Municipal Pascual Veiga ás 12.30 horas. E seguirá o martes 4 de xullo ás 18.00 horas cun obradoiro de artes experimentais para nenos Antoni Tàpies: O Camiño do Instinto. Este será a cargo de Arkhé espacio educativo.

O mércores 5 de xulloserá o Parroquias Tour: Carapuchiña vermella. Consta de mini-espectáculos de monicreques e música en diferentes parroquias. Será en diferentes horas, ás 16.00 no centro social de Estelo, ás 17.30 no de Oirán, ás 19.00 horas no de Viloalle e ás 20.30 horas no do Carme.

O xoves 6 ás 11.00 no centro asistencial San Paulo e San Lázaro e ás 12.00 horas na residencia e centro de día San Rafael, haberá un mini-espectáculo de monicreques e música para persoas maiores e persoas con diversidade funcional. Será baixo o nome, Saúde emocional: Carapuchiña vermella.

Por último, ás 20.30 horas na Catedral de Mondoñedo, pechará o MindoMúsica un recital de piano a cargo de Rosalía Gómez Lasheras.

Aínda falta por confirmar se o sábado 8 ás 12.00 horas haberá o Espazo de Reflexión no que se afondará nas olladas sobre a xestión cultural.

“A Xunta e o Concello de Mondoñedo patrocinan un ano máis este evento cultural, polo que apostamos primeiro porque cremos nel e cremos no traballo e profesionalidade da persoa que está detrás deste festival, a mindoniense Rebeca Maseda”, dixeron dende o Concello.

MindoMúsica nace cuns obxectivos moi claros e diferenciados que dan conta da súa excepcionalidade como a difusión das grandes xoias do repertorio camerístico nun festival de características únicas en Galicia, sendo un referente musical e cultural dentro de España. Tamén serve como proxecto de calidade e diferencial para a promoción turística de Mondoñedo e da Mariña.