Skip to main content
A PontenovaComarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXA

Xusto Fernández, Foro Social da Mariña: “Traballamos a prol dos dereitos sociais e os valores democráticos”

Por 30 Xullo, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Xusto Fernández é o presidente do Foro Social da Mariña, unha entidade cívica que traballa a prol dos valores democráticos e dos dereitos sociais.

Que é a Asociación Foro Social da Mariña?

O Foro Social da Mariña quere ser un lugar de encontro, de intercambio de experiencias e de debate sobre as necesidades sociais. É unha entidade cívica que traballa a prol dos valores democráticos e dos dereitos sociais.

Dende cando está activa?

A asociación constituíuse o 25 de novembro de 2022 e ficou inscrita no rexistro de  asociacións o 15 de decembro. A partir desta data comezan as reunións e encontros destinados a programar actividades e actos acordes aos seus fins.

Quen forma a directiva? Dende cando se atopa na presidencia?

A directiva a integran desde o 25 de novembro Isabel Vilalba Seivane como vicepresidenta, Manuel Parga  Núñez de secretario, Xosé Luís Fernández Rivera como tesoureiro, e Carlos Nuevo Cal, Xosé Lois López Rábade, Antonio Villarino Rego e Xoel Geada Geada como vogais. E eu, Xusto Fernández Haro son o presidente.

Cantos membros son?

Na actualidade integran o foro unhas 50 persoas con presenza en distintas localidades da comarca e non temos local propio.

Cales son os obxectivos?

Os obxectivos do foro son a defensa e promoción dos valores democráticos, das liberdades e dereitos individuais e colectivos. A colaboración e/ou coordinar a realización de actividades con outras entidades e colectivos en materia de memoria histórica, igualdade de xénero, pacifismo, ecoloxismo, antirracismo, multiculturalismo, etc. E a defensa e promoción dos dereitos humanos e dunha ética da tolerancia.

Que tipo de actividades fan?

Para levar a cabo os nosos fins, o foro organizará actividades como charlas, conferencias, xornadas, seminarios e obradoiros. Tamén homenaxes e recoñecementos a persoas ou entidades, elaboración de materiais e publicacións e a creación de páxina web, de espazos de convivencia, etc. Neste momento estamos preparando para o mes de xullo dúas mesas redondas.

Que proxectos teñen de cara ao futuro?

Estamos nunha fase inicial na que é importante a incorporación activa de máis efectivos ao foro e de irmos consolidando unha dinámica de traballo aberta e participativa, desde a pluralidade e a horizontalidade. Coa asociación queremos conseguir a complicidade e apoio das xentes da Mariña nos  obxectivos enunciados e actuar como un punto de encontro.

Cal é a problemática á que se enfrontan?

A problemática a que nos enfrontamos vén derivada do avance da extrema dereita como fenómeno global totalitario, que pon en perigo o sistema democrático e a súa necesaria afondamento e os dereitos sociais conquistados. Nós pretendemos enfrontar esta problemática desde a acción sociocultural; en coordinación con outras entidades e colectivos. Utilizamos as infraestruturas públicas para as nosas actividades e a medida que vaiamos aumentando unha programación máis elaborada e ambiciosa é posible que precisemos dun maior apoio. É unha cuestión a valorar no seu momento.