Skip to main content
Comarca LUGOXALáncara

Adega busca recorrer no TSXG o macroproxecto de parques eólicos no corazón dos Ancares

Por 6 Xullo, 2023Sin comentarios

O macroproxecto de Enel Green Power S.L. está fragmentado artificialmente en catro parques eólicos que ameazan os valores ambientais destas montañas. 

A asociación ecoloxista Adega chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns Ti Podes Paralos! para emprender accións xudiciais contra catro proxectos eólicos situados sobre Os Ancares: Serra de Piñeira, Serra do Colmo, Serra do Furco e Chao do Marco, que suman un total de 23 aeroxeradores no seu conxunto. A campaña Ti Podes Paralos! ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galicia.

Unha barreira ao paso da avifauna 

Os parques eólicos Serra de Piñeira, Serra do Colmo, Serra do Furco e Chao do Marco, promovidos por Enel Green Power España S.L., están situados de forma aliñada nas catro montañas contiguas entre Baralla e Becerreá; e son resultado da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico de 131 MW de potencia, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental, polo que podería tratarse dunha fraude de lei.

A aliñación destes parques supoñen unha auténtica barreira de paso para a avifauna entre Os Ancares e O Courel. En concreto, os 23 muíños de entre 180 e 200 metros de altura proxectados ameazan gravemente a poboación de millafre real, unha especie en perigo de extinción, e doutras aves vulnerábeis. Trátase dunha zona de alto valor ambiental cunha rica biodiversidade asociada. As poligonais rompen coa conectividade ecolóxica entre espazos da Rede Natura 2000 e ocupan terras incluídas na súa proposta de ampliación do 2008 e na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Ademais, unha extensa lista de patrimonio protexido queda dentro destas poligonais, polas que tamén discorre a Vía Küning, variante do Camiño a Compostela.

Por todos estes motivos, Adega impulsa catro campañas de recadación colectiva cuns obxectivos mínimos de 6.100 euros, establecidos en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de Adega do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental; e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar.

Para poder contribuír a estes desafíos #TPP, ADEGA pon a disposición as seguintes plataformas online de crowfunding: