Skip to main content
O Corgo

O polense Manuel Vázquez presenta no Corgo a súa novela

Por 13 Xullo, 2023Sin comentarios

O escritor polense Manuel Vázquez, natural de Valonga, presenta este venres, 14 de xullo, ás 20:00 horas, na biblioteca Palco do Corgo o seu libro O pracer da chuvia, da editorial Medulia.

No acto de lanzamento estarán presentes o autor, que asinará exemplares da súa obra, o prologuista, o responsable do Proxecto Corgoral e Chelo Vázquez, presidenta do Centro de Estudos do Corgo. A actividade está aberta a todos os públicos e moi especialmente á veciñanza corguesa e ás persoas interesadas na literatura actual.

Manuel Vázquez reside en Lugo e traballa como celador de urxencias no Hospital Universitario Lucus Augusti. Publicou varios artigos noutros tantos periódicos dixitais durante o ano 2021. Ademais, participou co poema Homeless na obra colectiva Poetas do reencontro II, Punto Rojo (2021). O poema Baleas de terra aparece no número 24 da revista Xistral (2022).

Tamén prologou o libro de relatos curtos Paseando canguros, de Xesús Trashorras, editado por Medulia (2022); quen á súa vez prologa esta novela.

A novela, á parte de ser unha defensa e reivindicación do rural, é unha novela tamén de carácter urbano, representado fundamentalmente por cinco cidades: Lugo, A Coruña, Lisboa, París e Madrid.

Aquí podemos atopar personaxes reais do rural propios de García Márquez, coma o seu grande mestre da vida, Dositeo; o labrego Quinto de Serés; Marité, a súa sogra; Servando, aquel home listo, que ía por diante ; Eliseo, o seu avó, que morreu sendo el moi novo; as tres Mapoulas, asasinadas polos fascistas en Montecubeiro; Pedro da Vica que un día ao regresar da Gulpilleira a Aldegunde, despois de ver a súa moza, ao saltar unha parede foi caer enriba do lobo…

Pero tamén personaxes urbanos. É o caso de Celia, que facía a súa propia roupa e comía mazás con whisky, unha desas mulleres malas, que fumaba e quería ser independente, en palabras do autor; Ramona, nacida na Coruña e emigrante á Arxentina, onde coñeceu a Ricardo, outro emigrante de Pol; aquela muller de Lisboa, que lle dixo que ao escoitalo lle fixera lembrar as feiras de Óbidos; a mestra que por ter relacións cunha casada, foi estigmatizada e tivo que pedir traslado…” Extracto do prólogo de Xesús Trashorras.