Skip to main content
Lugo

Lugo acolle desde o luns o XI Campus de Verán XuvenCiencia

Por 2 Xullo, 2023Sin comentarios

O acto inaugural será ás 13.00 horas, no auditorio de Veterinaria. Ademais, impartirase un obradoiro de divulgación na xornada de apertura dun programa de convivencia científica que comeza ás 10.00 horas cunha xincana e que ofrece á mocidade a posibilidade de achegarse durante unha semana á investigación a través de 16 obradoiros científicos.

O Campus de Verán XuvenCiencia, unha cita organizada polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC e afianzada xa nas primeiras datas do calendario estival na sede universitaria luguesa, bota a andar este luns 3 de xullo, a partir das 10.00 horas, a súa undécima edición coa participación de preto dun centenar de adolescentes chegados de toda Galicia e tamén doutras localizacións de España, un público preuniversitario que terá a oportunidade de achegarse durante unha semana ao mundo da investigación a través de 16 proxectos participativos.

Unha xincana pola sede universitaria luguesa abrirá na mañá do , o abano de actividades programadas no XI Campus de Verán XuvenCiencia, unha cita a través da que estudantes de cuarto de ESO, BAC ou ciclos medios de FP poderán afianzar ou descubrir a súa vocación nas distintas facultades e centros de investigación do Campus Terra da USC.

O conductor de Efervescencia da Radio Galega, o doutor en Química Manuel Vicente, considerado un dos máis veteranos divulgadores científicos de Galicia e en lingua galega, compartirá algunhas das súas experiencias co alumnado do XI Campus XuvenCiencia. Vicente terá un primeiro encontro coa rapazada na sesión inaugural da cita, prevista para as 13.00 horas, no auditorio de Veterinaria, e despois, tras compartir xantar con participantes e organizadores, este divulgador impartirá en quenda de tarde un obradoiro no que dará conta dalgúns trucos e recomendacións para contar a ciencia dun xeito que sexa eficaz e que manteña o interese do público.

Programa

Os estudantes do XuvenCiencia 2023 comezarán a chegar a Lugo na xornada do domingo, para aloxarse en residencias universitarias durante a semana na que se desenvolve este programa de convivencia científica, que chegará ao seu colofón o sábado 8 de xullo. Unha xincana pola sede universitaria luguesa, en cuxa organización participa persoal de todos os centros do Campus de Lugo, así como de servizos como a Biblioteca e o Centro de Linguas Modernas da USC, permitirá a mocidade familiarizarse con esta contorna universitaria na maña do luns.

O Campus de Verán XuvenCiencia 2023, no que colaboran como monitores 20 estudantes universitarios que previamente completaron un programa específico deseñado pola responsable da Oficina de Voluntariado da USC no Campus de Lugo, Fátima Teixeiro, ademais de medio centenar de docentes e investigadores da sede universitaria luguesa, ofrece á rapazada a posibilidade de ser protagonistas de ata 16 proxectos, cuxa temática abrangue desde práctica veterinaria, sismoloxía, xenética, cociña molecular, robótica ou, entre outros, comunicación científica. O programa inclúe tamén obradoiros artísticos, visitas culturais e a centros tecnolóxicos, feiras, premios e, por suposto, festa.