Skip to main content
Lugo

Arranca no Campus Terra XuvenCiencia

Por 3 Xullo, 2023Sin comentarios

O divulgador científico Manuel Vicente salienta a “capacidade hiptnótica da ciencia” na apertura da XI edición deste Campus de Verán , un programa de convivencia e experimentación científica que ofrece a 95 estudantes de ensino secundario, Bacharelato e Formación Profesional a posibilidade de achegarse durante unha semana de xeito divertido á I+D a través de 16 obradoiros e múltiples actividades de lecer.

O Campus de Verán XuvenCiencia, unha cita organizada polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC e afianzada xa nas primeiras datas do calendario estival na sede universitaria luguesa, botou a andar este luns a súa undécima edición coa celebración dunha xincana na que tomaron parte os 95 estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional chegados de toda Galicia e tamén doutras localizacións de España, un público preuniversitario que terá a oportunidade de achegarse durante unha semana desde o Campus Terra ao mundo da investigación a través de 16 proxectos participativos.

Logo de completar desde primeira hora da mañá as distintas probas deseñadas na xincana co fin de familiarizar á rapazada entre si e para que coñezan algún dos servizos e instalacións da sede universitaria luguesa, o conductor do programa radiofónico ‘Efervesciencia’, o doutor en Química Manuel Vicente, considerado un dos máis veteranos divulgadores científicos de Galicia e en lingua galega, compartirá algunhas das súas experiencias co alumnado do XI Campus XuvenCiencia na sesión inaugural celebrada no auditorio da Facultade de Veterinaria.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o deputado provincial Pablo Rivera, e un representante da Xunta de Galicia, ademais da CEO do Grupo Aresa, Carlota López, acompañaron tamén á profesora da USC e coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo. Na súa intervevención, Vicente lembrou algúns episodios curiosos de varios Premios Nobel, así como doutros investigadores que non acadaron tal distinción, ao tempo que salientou a “capacidade hipnótica da ciencia”.

Unha vez rematada a sesión institucional e logo de compartir un xantar co alumnado, promotores e demais voluntarios que colaboran na organización do XI Campus de Verán XuvenCiencia, Manuel Vicente ofreceu xa en quenda de tarde un obradoiro no que deu conta dalgúns trucos e recomendacións para contar a ciencia dun xeito que sexa eficaz e que manteña o interese do público.

Programa

O programa do Campus de Verán XuvenCiencia 2023, que se prolongará ata o 8 de xullo e no que colaboran como monitores 20 estudantes universitarios que previamente completaron un programa específico deseñado pola responsable da Oficina de Voluntariado da USC no Campus de Lugo, Fátima Teixeiro, ademais de medio centenar de docentes e investigadores da sede universitaria luguesa, ofrece á rapazada a posibilidade de ser protagonistas de ata 16 proxectos.

A temática destes obradoiros é diversa, a fin de adaptarse ás distintas preferencias do alumnado e abrangue desde práctica veterinaria, sismoloxía, xenética, cociña molecular, robótica ou, entre outros, comunicación científica. O programa inclúe tamén obradoiros artísticos, visitas culturais e a centros tecnolóxicos, feiras, premios e, por suposto, festa.

XuvenCiencia é un campamento para adolescentes interesados non só nos ámbitos que tradicionalmente se entenden como “de ciencias”, o biosanitario e o científico-tecnolóxico, senón tamén para mozas e mozos con inquedanzas polas ciencias sociais e humanidades. A escolma de proxectos que compón o Campus XuvenCiencia 2023 está baseada nalgunhas das investigacións máis punteiras que están vixentes no Campus de Lugo da USC, como as de peixe cebra como modelo animal para tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. En cada proxecto traballará un grupo de cinco ou seis xuvencientíficos/as, que levarán adiante o seu traballo de campo nos mesmos laboratorios nos que o persoal investigador da USC desenvolve o seu quefacer diario, así como noutros centros de coñecemento como o Hospital Veterinario Rof Codina, o Museo Provincial e o Arquivo Histórico Provincial.

O Campus XuvenCiencia 2023 ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña, con propostas de lecer.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, participou  na apertura oficial do campus de verán XuvenCiencia 2023.

Méndez deu a benvida a todas e todos os participantes e destacou que esta iniciativa “é unha oportunidade para descubrir vocacións científicas entre a mocidade e poñer en valor a gran potencialidade do Campus lucense, o Campus Terra, ademais dun espazo de convivencia enriquecedor para o futuro persoal e profesional dos participantes”.

Rivera Capón recoñeceu ante os rapaces e rapazas que “sempre é un pracer participar na apertura deste programa e acompañarvos nesta nova experiencia”. Durante toda a semana, ata o venres 8 de xullo, participarán 95 mozos e mozas matriculados en 4º da ESO, Bacharelato e ciclos medios de FP, cunha idade máxima de 19 anos.

“A ciencia ten unha gran importancia no noso futuro como sociedade. Xoga un papel protagonista, centrándose en grandes retos como o cambio climático, a robótica ou os avances sociais en canto a medicina”, sinalou o Deputado sobre esta formación, que ofrecerá proxectos e talleres centrados na ciencia que “está no noso día a día”. Ademais, asegurou que a súa curiosidade “vailles permitir aprender e descubrir se é o seu camiño para o futuro”.

Proxectos dispoñibles

5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica, crearanse contidos exclusivos para o Magacine XuvenCiencia. Os/as alumnos deste obradoiro serán os correspondentes oficiais do Campus de Verán XuvenCiencia 2023.

Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades. Como sabemos se un can ten unha anemia? En que se diferencian o sangue dos mamíferos e o das aves?

Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais, que ás veces causa grande interese social ou mediático: foi envelenamento? Falta de coidados? Hai risco para a saúde humana ou/e animal?

AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduíno. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, as e os estudantes rexistrarán parámetros do noso medio ambiente: temperatura, humidade do aire, etc.

Árbores en tubos de ensaio. Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido.

Controla e adestra robots! Ensamblaranse pequenos robots e sistemas automatizados e o alumnado aprenderá a programar un microcontrolador para manexar os sensores destes pequenos robots.

Impresión 3D. Fai real o que imaxinas. O alumnado converterá unha idea nun obxecto real a través de modelado tridimensional mediante software de uso cotián no mundo da enxeñaría. Posteriormente procederase ao seu tratamento para a impresión 3D e obterase o produto imaxinado.

Veterinarias en apuros. Unha inmersión real no Hospital Veterinario Rof Codina. Atenderemos os nosos doentes, os animais, en consultas, traballaremos nun diagnóstico e seremos testemuñas do labor que fan cirurxiáns e anestesistas nos procedementos de quirófano.

Cociña molecular: ciencia e gastronomía nunha soa disciplina. Esferificación? Destilación a presión reducida? Nitróxeno líquido? Os mecanismos químicos permiten a creación de pratos extraordinarios chamados non só a satisfacer o sentido do gusto, senón tamén da vista, o olfacto e o tacto.

Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas. O obxectivo deste proxecto reside en descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Desde xeito procurarase remedar nun laboratorio un proceso natural como é a fotosíntese.

Supera este reto! Educando con ciencia. Pensas dedicarte á docencia? Neste proxecto experimentarás con distintos recursos e metodoloxías: dramatizacións, retos motores para a cooperación e a estratexia colaborativa, prácticas para sacar a ciencia dos libros de texto e resolución de problemas.

Cultura accesible a golpe de clic. Como lles contarías a outras persoas o interesantes que son os teus libros favoritos? Sábelo todo desa serie de televisión e daquel artista e desa cantante, pero de que xeito llo farías entender a outros/as? Este proxecto levarate ao Museo Provincial de Lugo para converterte nunha experta/o en divulgación cultural grazas ás ferramentas narrativas ao noso dispor.

Facer ciencia coas letras. Os arquivos lévanlle moitos séculos de anticipo ao big data como fonte de coñecemento. Como se da sección de libros prohibidos de Hogwarts se tratase, aprenderás a abordar documentación antiga para facer unha investigación histórica e mergullarte nos rexistros criminais dos séculos pasado para reconstruír casos sen resolver.

Patóxenos animais: na procura dos malos. Bacterias e virus causan moitas doenzas. Neste proxecto aprenderanse algunhas das técnicas para o diagnóstico de enfermidades infecciosas: cultivo de bacterias, observación baixo o microscopio, antibiogramas e bioloxía molecular.

Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético. O peixe cebra converteuse nun organismo modelo para a experimentación en áreas como a biomedicina. O alumnado deste proxecto realizará as técnicas moleculares e as análises necesarias par resolver casos reais de probas de paternidade en animais.

Fai tremer os teus cimentos. É posible que unha construción estea feita a proba de terremotos? En XuvenCiencia poderás deseñar e construír unha mesa vibratoria 1D controlada por hardware libre e que permita aplicar sobre maquetas ondas de diferentes tipos, para ver como responde, e analizar o seu comportamento en caso de que se producise un sismo.