Skip to main content
Lugo

O pintor lucense Eduardo Sampayo inaugura o venres unha mostra en Santa María

Por 5 Xullo, 2023Sin comentarios

O pintor lucense Eduardo Sampayo Montenegro inaugura este venres (20.30 horas) a exposición Amenceres de Auga na Capela de Santa María de Lugo.

A mostra, que inclúe sesenta cadros de acrílico sobre lenzo na liña do expresionismo abstracto, forma parte dunha triloxía, que comenzou no 2017 con Alboradas de metal, e continuou no 2019 con Auroras de vento.

A Capela de Santa María aséntase así como espazo aberto á creación artística contemporánea, despois de acoller nas últimas semanas, a mostra FUTURO(S), organizada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón para conmemorar o seu 50 aniversario.

O AUTOR

Eduardo Sampayo Montenegro (Lugo, 1973). Fascinado desde neno pola expresión gráfica, que coñeceu en cómics e libros ilustrados -desde Mortadelo e Tintín até os clásicos ilustrados das edicións Toray -, as súas primeiras clases de debuxo artístico foron no instituto Xoan Montes, co profesor José López Guntín, quen fomentou a súa afección pola arte figurativa e a os retratos.

Na trintena, viviu unha tempada en Salamanca e perfeccionou a súa técnica de debuxo artístico na academia de pintura de Clara Lurueña Miguel.

De volta a Lugo, no ano 2011, da man de Antonio García Durán, continuou a súa evolución artística cara a pintura abstracta, expresionaista e informalista na que se encadran as súas últimas obras.

A súa primeira exposición foi na Casa das Cores, en 2014. Desde esa data participou nas mostras colectivas Achegando Disparidades no Museo Interactivo Histórico Lucense, Samos 0.1 no Mosteiro de Samos ou Soños en Ferretería Eventos.

Ese espazo cultural lucense acolleu tamén as exposicións individuais Alboradas de metal e Auroras de vento”, a serie na que se encadra o proxecto artístico que o venres inaugura na Capela de Santa María.