Skip to main content
Lugo

Lugo homenaxeará a Rafael de Vega cun mural na rúa que leva o seu nome

Por 6 Xullo, 2023Sin comentarios

Realizado por Mon Devane representará ao doutor coa forma do deus romano da curación.

O festival de arte urbano Culturbán, organizado pola área de Cultura e o Espacio Lupa Arte, inicia a execución dun novo mural nas rúas de Lugo, esta vez nunha fachada situada na rúa Rafael de Vega. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron ao artista ourensán Mon Devane, que comezou esta semana a nova obra.

O mural homenaxea ao doutor represaliado Rafael de Vega na forma do Deus romano da curación no que será unha modernización do mito nun encontro entre mitoloxía e modernidade. A temática que se plantexa é, polo tanto, relacionada coa medicina e a sanación, como non podía ser doutro xeito nunha rúa que leva o nome do recoñecido cirurxán. A reinterpretación do deus Esculapio será realizada cunha base de pintura plástica e acabado con pintura en aerosol, cunha paleta monocromática con predominio dos tons turquesas.

A concelleira destacou o éxito das intervencións do festival, algo que “converte á cidade nun lugar vangardista, participativo e amable” e que aposta polo talento das e dos artistas cunha recoñecible traxectoria como é o caso de Mon Devane, premiado co Mellor mural do mundo do 2022.

Mon Devane

Artista urbano nado en Ourense que emprega o spray como principal ferramenta nos seus traballos dende o ano 2006.

A súa implacable busca dun estilo propio lévao cara a unha etapa marcada pola carácter realista, centrando a súa obra na realización de retratos monocromáticos. Traballa sobre grandes formatos, onde magnifica cada detalle, buscando transmitir miradas que conten vidas, tradicións e historias.

En marzo de 2021 inaugura a exposición “As Estrelas do Camiño”, unha enorme galería artística con máis de 140 quilómetros de recorrido ao longo do Camiño Francés, que axuda a popularizar a súa obra.