Skip to main content
Lugo

Hostaleiros de Lugo queren facer un centro de Enograstronomía na Fábrica da Luz

Por 7 Xullo, 2023Sin comentarios

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio co Concello para financiar as accións englobadas no programa, enmarcado no Plan Territorial Enogastronómico de Galicia.

A Xunta achegará 2 M€ ao Plan de Sostibilidade Turística de Lugo, que engloba unha serie de accións para potenciar o municipio como un referente no turismo gastronómico e cultural con especial énfase na posta en valor dos recursos naturais e o patrimonio.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio co Concello de Lugo a través do cal a Axencia de Turismo de Galicia contribuirá a sufragar os gastos derivados da execución deste programa, denominado Et edendo Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía. Arias mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo, Cheché Real, para falar deste e doutros proxectos de interese para Lugo.

O delegado destacou que o Plan de Sostibilidade Turística inclúe iniciativas como a recuperación do edificio da Fábrica da Luz, na ribeira do Miño, para transformalo nun centro de enogastronomía, incidindo ademais na tradición agrograndeira da provincia.

O Goberno galego financia estas actuacións no marco do Plan Territorial Enogastronómico de Galicia, que busca promocionar a Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel, poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas, como a promoción de novos produtos turísticos vinculados a este eido; o impulso da xestión sostible desde os destinos ou a potenciación dos contidos dixitais e da innovación gastronómica.

“Trátase dun plan artellado arredor da enogastronomía como elemento diferenciador da nosa oferta turística e como poderoso motor dinamizador da economía”, dixo Arias. “O obxectivo neste caso é consolidar Lugo como un destino sustentable, reforzando a aposta pola enogastronomía como eixo temático coa finalidade de atraer a un turismo de alto valor engadido”.

Outras accións recollidas no convenio son a homologación das sendas peonís que percorren o municipio; a posta en marcha dun programa de asesoramento enerxético orientado a pemes do sector turístico; a implantación de puntos de recarga que impulsen unha mobilidade eléctrica entre puntos de interese turístico; a difusión de contidos dixitais sobre Lugo como destino ou o fomento do emprendemento orientado cara un turismo sostible centrado nos recursos propios e diferenciais, como patrimonio, natureza ou gastronomía.

No conxunto de Galicia, o Plan Territorial de Enogastronomía financia once Plans de Sustentabilidade Turística en Destino impulsados por entidades locais e tres Actuacións de Cohesión en Destino (ACD).