Skip to main content
Lugo

A EPS acolle a primeira demostración en Galicia de robots agrícolas

Por 15 Xullo, 2023Xullo 17th, 2023Sin comentarios

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC converterase o vindeiro mércores 19 de xullo en escenario da primeira demostracion en Galicia de dous robots agrícolas fabricados pola compañía francesa Naio. Estas sesións técnicas, que se desenvolverán en quenda de mañá nas parcelas de práctcias de que dispón a EPS de Enxeñaría, servirán de colofón dun ciclo de relatorios sobre Agro-Robótica coordinado polos profesores do título de grao en Robótica Javier Bueno e Roberto Iglesias, e que nesta edicion pon o foco Grupo Internaco, unha empresa con sede no concello coruñés de Ordes creada en 1976 que conta con máis de tres décadas de experiencia no sector.
Os dous robots que se poderán ver traballar por vez primeira en Galicia están fabricados pola casa comercial francesa NAIO, unha empresa creada no ano 2011 que na actualidade conta con máis de 300 robots agrícolas traballando en explotacións reais, o que a convirte nunha das compañías que están a liderar a robotización agrícola a nivel mundial, relata o profesor Javier Bueno.

O modelo OZ foi o primeiro modelo de robot agrícola fabricado pola empresa, comezando co seu desenvolvemento no ano 2014. OZ é un robot multi-tarefa destinado a explotacións hortícolas, nas que pode realizar traballos de plantación, sementeira, laboreo e control mecánico de malas herbas. O robot, de tamaño pequeno, pesa arredor de 180 kg e vai accionado electricamente cunha batería que proporciona unha autonomía de ata 8 horas. Poderase ver traballando nunha plantación de leitugas na finca de prácticas de que dispón a EPS de Enxeñaría en San Fiz.

O outro modelo de robot que se poderá ver traballar na demostración é o chamado TED. Trátase dun robot especializado para operar en viñedos, para o que posúe un bastidor universal sobre o que se poden montar as distintas ferramentas de traballo. O robot realiza o control mecánico de malas herbas de forma efectiva e precisa sen herbicidas, respectando o solo e o cultivo. O robot ten accionamento eléctrico e pode traballar oito horas ao día de forma totalmente autónoma. Poderase ver traballando sobre as plantacións de viñedo dos campos de prácticas da EPSE.

Programa

As catro conferencias incluídas no programa, que se desenvolverá en quenda de mañá, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría de Lugo, permitirán ao público participante coñecer de primeira man as visións de catro expertos sobre a robotización de traballos relacionados coa xardinaría e a agricultura e as perspectivas de futuro que teñen sobre a súa implantación en España. Os relatores convidados a participar neste foro son Sergio Grau, director de Vendas de AG Group; Carlos Rivera, responsable de vendas de produtos Husqvarna e batería en España e Portugal; Josep Dalmases, responsable do departamento de Innovación de Ag Group, e a representante da compañía francesa Naio Technologies en España, Sophie Graillot.

Este ciclo sobre AgroRobótica conta con apoio económico da Deputación de Lugo e na súa organización tamén colaboran para tarefas de difusión a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA). A inscrición é de balde e pode formalizarse xa en liña na súa web.