Skip to main content
Lugo

O PP asegura que defenderá no Goberno central o medio rural

Por 15 Xullo, 2023Sin comentarios

O cabeza de lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, pediu o apoio para o proxecto do Partido Popular que lidera Alberto Núñez Feijóo durante un mitin na zona rural de Lugo para “comezar unha nova etapa en España na que o rural galego volva estar na axenda do Goberno”. Porque “se goberna Feijóo, gaña España, gaña Lugo, e gaña o rural”.

O concorrido mitin que comezou cun minuto de silencio polas vítimas do accidente nun paso a nivel en Recimil tamén contou coas intervencións do cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro, e da presidenta do PP da provincia e voceira do Grupo Municipal Popular, Elena Candia.

Conde avogou por alcanzar “unha maioría suficiente para gobernar para todos e para contar cun sector primario máis competitivo, con máis emprego e máis estable”. Neste eido, explicou que “o Partido Popular defende un modelo máis sostible a través do fortalecendo e protección do sistema agroalimentario e o medio ambiente”.

O candidato popular subliñou “o carácter estratéxico esencial” do agro e, polo tanto, “queremos dotalo de instrumentos para garantir a subministración aos mercados e o acceso da poboación a unha alimentación suficiente e de calidade, sobre todo en situacións de crise”. Tamén revisar o Plan Estratéxico da PAC para mellorar a viabilidade das explotacións agrícolas e gandeiras e impulsar un Plan nacional sostible en materia de Gandería, Agricultura e Montes.

Outras das medidas que defende o Partido Popular e afectan directamente aos produtores son “a rebaixa do IVE á carne para fomentar o seu consumo; a redución dos custos de enerxía, combustibles e materias primas; o reforzo da posición dos produtores na negociación e no acceso aos mercados e a promoción do relevo xeracional incrementando a profesionalización das mulleres na actividade agraria e as oportunidades laborais tanto de mulleres como de mozos e mozas”.

O candidato ao Congreso tamén debullou outras propostas coma a aprobación dunha Lei de desenvolvemento rural consensuada con todos e que inclúa un Plan de apoio á España despoboada, unha mellora da fiscalidade no rural e o fomento da conciliación no rural a través de casas niño e casas do maior.

A XUNTA DE GALICIA E O PP, CO RURAL

Conde puxo como exemplo o apoio da Xunta ao rural: “Intentamos actuar coa mesma responsabilidade e ilusión que o fan os galegos e galegas pola súa terra”. Desde 2009 incorporáronse preto de 4.500 mozos e mozas, “o que evidencia que segue queréndose vivir no rural e vivir do rural”. Nese sentido, a Xunta continúa impulsando o relevo xeracional coa convocatoria de axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e desenvolvemento de pequenas explotacións agrarias.

“É unha proba máis de que o PP ten unha especial sensibilidade co rural”, dixo o popular. “Somos un partido que naceu no rural e que conta con Alberto Núñez Feijóo, que en breve agardamos que se converta no primeiro presidente do Goberno de España nacido no rural”, destacou.

O popular lamentou “cinco anos de sanchismo nos que o Goberno abandonou a Galicia, pero con máis intensidade aínda a Lugo e ao seu rural. E incluso tamén pasa de Lugo en campaña anulando os actos que tiña previstos”. Tamén lembrou Conde as declaracións do Ministro de Consumo sobre o papel das nosas granxas e recomendou “saír dos despachos” para “escoitar e entender o importante que é o rural para Lugo e para Galicia”.

Nese sentido, subliñou que “o Partido Popular é a única alternativa” para comezar “unha nova etapa” na que “levar a España o modelo galego”. Así mesmo, incidiu en que “votar a Vox en Lugo é o mesmo que votar a Sánchez” porque “estariamos quitando ao PP os apoios que precisa para subir en escanos”.