Skip to main content
Lugo

Cultura no Río achega este martes á contorna do Miño a tradición oral portuguesa

Por 17 Xullo, 2023Sin comentarios

O máis astuto dos animais será protagonista dunha antoloxía de relatos coa que a Alcaldía do Concello de Lugo quere dinamizar as tardes do verán.

O paseo fluvial do Miño acollerá este martes, ás 19:30 horas, un novo espectáculo de Cultura no Río baixo o título No Conto da Raposa, de Nuno Santos e Samantha Jesus, dentro da programación da Capital da Cultura vencellada ao río.

Así, un martes máis a contorna natural que se corresponde coa zona pública de baño será un escenario lúdico para as familias lucenses no que terán a oportunidade de gozar da cultura galaico portuguesa pero tamén do patrimonio paisaxístico do municipio.

A actividade, apta para todas as idades e que terá lugar ao aire libre, consiste nunha antoloxía de contos da tradición oral ibérica, con lobos e raposos, na que se mesturan técnicas de narración oral e monicreques de luva, nun espectáculo moi rítmico e visual.

No Conto da Raposa é unha antoloxía de relatos lusos protagonizada polo personaxe de Raposa, o máis astuto dos animais. O espectáculo alterna o contacontos e o teatro de monicreques, ao estilo tradicional, e celebra os antigos coñecementos da cultura popular en divertidas historias rítmicas e actuais.

Esta mostra conta con varias referencias, entre elas: Romance da Raposa, de Aquilino Ribeiro, as fábulas de Esopo e o famoso conxunto de relatos medievais Romance de Renart, que seguramente inspirou as versións contadas e recontadas durante xeracións.

A actuación enmárcase dentro da programación posta en marcha polo Executivo de Lara Méndez con motivo da Capital da Cultura do Eixo Atlántico que todos os martes do mes de xullo transformará o río Miño nun foco natural para desfrutar da cultura en familia.

Toda a información, así como do resto da programación pode consultarse a través da páxina web www.lugocapitaldacultura.com, onde se atopan actualizados os horarios, ubicacións e datas das diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano na cidade amurallada.