Skip to main content
Lugo

O Campus Terra impulsa un sistema de acreditacións de modelos de negocios sostibles

Por 18 Xullo, 2023Sin comentarios

A Rede Galega de Innovación de Modelos de Negocio Agroforestais, coordinada pola catedrática da USC na EPS de Enxeñaría Rosa Mosquera, bota a andar na sede universitaria luguesa con 30 participantes representativos da comunidade científica, administracións e tamén do sector produtivo e do colectivo de asesores rurais.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC impulsa a creación dun sistema de acreditación de modelos de negocio agroforestais sostibles ambientalmente e viables no plano económico ao abeiro do proxecto europeo AF4EU, un programa coordinado pola catedrática da área de Produción Vexetal na EPSE Rosa Mosquera, quen lidera a Rede Galega de Innovación de Modelos de Negocio Agroforestais que botou a andar este luns no edificio CACTUS do Campus de Lugo cunha xuntanza na que tomaron parte 30 persoas, entre as que se atopan investigadores, gandeiros, agriculturores e propietarios forestais, asesores rurais, responsables de empresas ligadas cos sectores produtivos agroforestal e gandeiro e respresentantes de distintas administracións.

Alén dos obxectivos xerais do proxecto AF4EU, a través do que se dá continuidade ao labor desenvolvido pola rede colaborativa internacional Afinet a prol da posta en valor dos sistemas afroforestais e a promoción de prácticas innovadoras, sostibles e rendibles, este programa pretende avanzar no afianzamento e na visibilización de modelos de negocios agroforestias de éxito, a fin de favorecer o emprendemento e achegar referentes a toda a cadea, desde produtores ata consumidores.

A coordinadora do grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da USC sinalou neste senso que o proxecto Afinet, no que tomaron parte 1.500 persoas de países europeos, entre elas 400 procedentes de España, puxo de manifesto a necesidade de articular mecanismos que permitiran testar e garantir a viabilidade de negocios no ámbito agroforestal, a fin de fomentar así un maior grao de aceptación e suscitar tamén máis interese na sociedade.

Daquela, explicou Mosquera, o consorcio de membros do proxecto europeo AF4EU e, en particular, as diversas redes de innovación agroforestal actividades en distintas rexións dos países implicados nesta iniciativa, traballamos na creación de ferramentas innovadoras que permitan coñecer de antemán parámetros referidos ao potencial grao de éxito de negocios no ámbito agroforestal.

A coordinadora do programa AF4EU precisou asemade que a viabilidade dos negocios agroforestais vai aliñada coas singularidade do seu emprazamento e, en consonancia, coa disposión de recursos, factores climáticos, demográficos, sociais, culturais… De feito subliñou esta investigadora, “a realidade está a indicar que falta educación e coñecemento respecto da xestión do territorio, porque se perdeu parte da sabedoría tradicional”. Para favorecer esta transmisión de coñecemento, as distintas redes de innovación agroforestal activadas en diferentes rexións europeos co proxecto AF4EU recollerán e compartirán as boas prácticas existentes nas diferentes áreas bioxeográficas de Europa para poñelas a disposición das persoas potencialmente usuarias: agricultores, produtores, silvicultores, lexisladores, consumidores…

Programa

A primeira xuntanza da Rede Galega de Innovación Agroforestal de Galicia comezou cunha sesión informativa sobre o programa AF4EU, para logo dar conta dos diferentes servizos activos de extensión agroforestal. A posta en común das ferramentas de apoio á toma de decisións existentes centrou outra das sesións de traballo desta reunión, no marco da que tamén se presentou ao público asistente a nube de coñecemento no eido agroforestal xerada por Afinet e que constitúe un repositorio documental de grande interese, xa que agroma amplo material sobre o sector.