Skip to main content
Lugo

Comeza a renovación do parque do Castiñeiro, na que se incluíron as peticións da veciñanza

Por 22 Xullo, 2023Sin comentarios

“Un moderno e integrador recinto infantil deseñado por e para as crianzas e familias que residen no barrio”. Nestes termos definiu a rexedora de Lugo, Lara Méndez, o novo parque que o Concello habilitará no Castiñeiro trala rexeneración que se vai levar a cabo na instalación actual.

Unha intervención que comezaba esta mesma mañá e que a alcaldesa supervisou en primeira persoa acompañada do responsable da área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, Miguel Fernández.

A actuación, inclúe, ademais da ampliación da área de xogos – que se incrementará en 250 m² – a creación dun novo espazo humanizado con bancos e papeleiras para a estancia dos pais e avós, “co que queremos favorecer a convivencia interxeracional, para nós moi importante. Complementará a actual superficie de picnic, que se manterá, ao igual que se manterá todo o arboredo para non perder as zonas de confort. En total, actuarase nunha área de 659 metros cadrados”, lembrou a alcaldesa.

A rexedora incidiu en que no deseño se tiveron en conta, fundamentalmente, as peticións dos e das usuarias, “de xeito que, respectando a súa vontade, as e os máis pequenos poderán gozar de tres xogos principais, entre eles dúas torres diferenciadas por idades, unha para os pequenos de ata 5 anos e outra segunda pensada para o goce de nenos e nenas de ata 12 anos, así como un rocódromo e unha tirolina”.

Estes xogos serán inclusivos, para permitir a socialización pero tamén adaptados para nenos e nenas con distintas capacidades. Incluiranse, así mesmo, elementos de abalo para uso individual e grupal, así como asentos xiratorios con deseño especial para crianzas con trastorno do espectro autista.

Os traballos, que arrincaron hoxe, suporán un investimento municipal de 352.342 euros e terán un prazo de execución de catro meses.

Coa mellora deste parque, o executivo de Lara Méndez continúa coa ampliación de espazos de lecer pensados para as e os máis pequenos, ben creando novas áreas ou renovando as existentes.

E, para a Abella en concreto – recentemente urbanizada e humanizada – supón a renovación dunha dotación pública máis, logo da entrada en funcionamento, a pasada primavera, dunha nova vista multideporte e do novo Centro Social de Lamas de Prado que presta asistencia a máis de 20.000 persoas de diferentes contornas da cidade.