Skip to main content
Monterroso

IxM lamenta a falta de acordos e diálogo no Pleno de organización de Monterroso

Por 16 Xullo, 2023Sin comentarios

Celebrouse o Pleno de organización de Monterroso e IxM mantivo moi clara a súa postura política recalcando a súa independencia política, sen ningún tipo de cor e afinidade política e respectando a súa máxima que sempre foi é e será o benestar e o avance do pobo de Monterroso. 

Para IxM a vontade popular “foi clara e é que todas as forzas políticas deben dialogar e chegar  a acordos, algo que neste pleno non se produciu. De feito, con IxM non se negociou ningún  punto da orde do día e todo parece indicar que con ningunha forza política”

IxM deixou claro que en todos os asuntos do Pleno que non sexan negociados coa súa formación política “non votarán a favor salvo que a premura determine que é preciso e sempre  que sexa algo indispensable, urxente e necesario para o pobo”. Absteranse se o seu voto non condiciona o resultado da votación e sempre e cando non prexudica a Monterroso e votará en contra sempre que entendan que sexa un asunto que se poda pospoñer o seu estudo ou claramente prexudique ao pobo. 

Nos asuntos da orde do día lamentaron que por “parte da Alcaldía non se aceptaran as propostas de IxM durante o Pleno e que as que se propoñían por parte da Alcaldía quedaran rexeitadas dada a oposición de todas as forzas políticas”. 

Sucedeu coa periocidade das sesións plenarias xa que IxM propuxo que se celebrasen de  maneira mensual mentres a situación política de Monterroso non permita unha estabilidade  para que os grupos da oposición podan levar a cabo a labor de control e fiscalización ao  equipo de goberno. Todos os grupos da oposición estaban dacordo pero non foi admitida por  parte da Alcaldía que mantivo a súa postura de empezar o primeiro Pleno ordinario en setembro e de maneira bimensual algo que non foi aprobado xa que obtivo o rexeitamento  de todas as forzas políticas, xa que suporían tres meses e medio de goberno sen fiscalizar. 

O mesmo sucedeu coa creación da xunta de goberno na que se propoñía que formasen parten os tres membros do PP, un órgano de asesoramento que é potestativo e que IxM rechazou xa que o ve “incongruente dado que non se especificaron as delegacións, suporía un coste económico mensual de 720 euros e carecería de contido xa que o resto de membros do equipo de goberno non teñen atribuídas competencias”. 

Neste sentido a portavoz de IxM, Rocío Seijas, cuestionou que “no mes que o PP leva no  equipo de goberno, a alcaldía non foi quen de delegar as súas competencias e dotar de contido aos seus compañeiros de partido. Só unha competencia foi delegada, o outorgamento  de licenzas no tenente de alcalde pola incompatibilidade persoal e profesional da Alcaldía. Esta situación determina que estamos ante un réxime totalmente persoal e autoritario  ostentado na persoa da Alcaldía”. 

A IxM chámalles a atención que PP e PSOE só se poñan dacordo “para cuestións de índole  económica dos propios partidos xa que foron os únicos que aprobaron o punto da orde do día  de indemnización e retribucións dos concelleiros e partidos políticos, aumentando a contía  respecto a anterior lexislatura”. 

Dende IxM avogan por darlle estabilidade ao pobo de Monterroso e neste senso recordan os  últimos anos nos que nunha situación de crise política sen precedentes foron quen dende IXM de liderar un proxecto que deu estabilidade ao pobo, por iso instan a todas as forzas políticas a ser coherentes e antepoñer os intereses colectivos aos particulares para poder chegar a consensos e acordos que redunden en estabilidade e avance para Monterroso.