Skip to main content
As Nogais

O BNG visitou As Nogais onde está en tramitación a instalación dun parque eólico

Por 9 Xullo, 2023Sin comentarios

O candidato do BNG ao Congreso, Daniel Castro, visitou o concello das Nogais, onde está a tramitarse a instalación dun parque eólico con 12 aeroxeradores neste concello, e que afectará tamén aos terreos de Becerreá con 4 aeroxeradores e Triacastela con 3.

Castro afirmou que “este proxecto afectará a un gran número de persoas que traballan en actividades directamente relacionadas co territorio, ademais de ter un gran impacto en terreos próximos á Rede Natura, zonas nas que se debería garantir a protección do medio natural”.

Daniel Castro explicou que, cun grupo galego forte, “o BNG traballará no congreso polo cambio de modelo enerxético no noso territorio, dando prioridade a un modelo de xeración e produción a menor escala, máis próxima aos centros de consumo”. O BNG defenderá tamén a creación dunha tarifa eléctrica galega, que considere, a través de redución nas peaxes do transporte, o papel de Galiza como nación excedentaria na produción eléctrica,compensando o impacto ambiental e social derivado da súa produción, “Actualmente as galegas e galegos estamos a pagar a luz máis cara do estado, mais ao mesmo tempo estamos producindo enerxía que é consumida no resto do estado”, explicou Daniel Castro.

O BNG defenderá no congreso a recuperación das garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos, rectificando as medidas incorporadas no RDL 20/2022 que permiten ás grandes enerxéticas decidir onde instalaren parques ou macroparques eólicos sen control, sen necesidade de Declaración de Impacto Ambiental e sen participación cidadá, o que fomentou un boom eólico depredador con proxectos que non están calibrados para o desenvolvemento social e económico do noso país e que coliden coa preservación da biodiversidade e dos usos económicos e sociais do territorio.

Debate electoral provincial

Daniel Castro convidou aos cabezas de lista dos principais partidos a manter un debate “e achegar á veciñanza as propostas que as distintas formacións defenderemos para a mellora da calidade de vida das veciñas e veciños”. Castro afirmou que “as veciñas e veciños de Lugo teñen dereito a saber para que lles estamos pedindo o voto para o 23X, coñecer medidas reais para as persoas que vivimos na provincia de Lugo e non só mensaxes centralistas enviadas desde Madrid”.

Castro explicou que no Congreso se defenden “asuntos clave para o futuro de todas as persoas”, e afirmou que “as e os lucenses deben escoitar as opinións das forzas políticas e que compromisos defenderemos no Congreso”.