Skip to main content
Palas de Rei

Palas de Rei: Ruta dos Torrentes de Mácara

Por 24 Xullo, 2023Agosto 4th, 2023Sin comentarios

Unha ruta de 3 quilómetros que nos permitirá coñecer o castelo de Pambre e varias fervenzas nun percorrido dunha hora.

A ruta dos Torrentes de Mácara está situada no municipio de Palas de Rei e cunha extensión de tres quilómetros percorre un tramo alto do río Ulla onde este se une coas augas do río Pambre.

Esta ruta dá comezo no castelo de Pambre dende onde continuaremos pola estrada LU-4008 en dirección Ramil e transcorridos menos de dous quilómetros do castelo, á man esquerda atoparemos unha pequena pista de terra, antes de cruzar a ponte sobre o río, na que unha sinal indica o camiño aos Torrentes de Mácara.

Antes de comezar esta ruta podemos realizar unha visita ao Castelo de Pambre, declarado Ben de Interese Cultural da provincia e un gran exemplo de arquitectura militar medieval de Galicia. Foi construído por Gonzalo Ozores de Ulloa en torno ao ano 1375 pero en 1484 pasa aos condes de Monterrei con funcións militares para a custodia do Camiño de Santiago.

O castelo é de planta cadrada, cercado por unha muralla que conta cunha planta irregular xa que se adapta ao terreo e os muros son de cachotaría e perpiaño de granito.

O edificio central fórmano a torre, de planta cadrada, flanqueada por outras catro de menor tamaño, tamén cadradas, e comunicadas entre si por unha muralla. No centro, sitúase a torre mestra que ten planta cadrada, de 11 metros de lado, e que conta cun total de tres plantas.

Ademais o castelo conta coa capela de San Pedro no seu interior, construída a finais do século XII é de estilo románico e está situada á dereita da entrada. O castelo de Pambre foi un bastión dentro da loita irmandiña e sobreviviu ás revoltas do ano 1467.

Unha vez tomamos a pista de terra percorreremos un camiño que transcorrerá pegado ao río por onde teremos que ir pendentes do terreo xa que haberá que subir por rochas e esquivar algunhas árbores. A pesar de isto non é un trazado perigoso aínda que si está recomendado certo adestramento. Ao longo do camiño atoparemos nalgúns sitios os restos dalgúns chanzos de madeira.

Os Torrentes de Mácara son un conxunto de rápidos situados no río Ulla e considerados unha das dez marabillas naturais galegas. Durante tres quilómetros de río atopamos pequenas fervenzas e pozas creando unha contorna espectacular e única onde destaca a flora e a fauna. A máis alta destas fervenzas consta de entre tres e catro metros de caída.