Skip to main content

A DN do Leite do SLG valorará accións informativas e de denuncia dirixidas contra as empresas que abandeiran baixadas.

O Sindicato Labrego Galego afirma que estes días están chegando ás granxas de leite propostas de prezo con baixadas importantes respecto ao que se está a cobrar nestes momentos. Dende o SLG están a facer un seguimento polo miúdo desta “estratexia de presión” operada polas industrias lácteas, a través da cal procuran aumentar “inxustificadamente a súa marxe de beneficios nun contexto comercial no que non se produciron baixadas de prezo ás persoas consumidoras, non existe un aumento da produción suficiente para influír na demanda, nin unha baixada do consumo e, a maiores, a prórroga da supresión do IVE do leite está a privar de certa liquidez ás granxas”.

Afirman que “esta situación de coacción ás gandeiras e gandeiros estase agravando ca chantaxe que algunhas industrias están a realizar cos propios contratos. Lonxe de respectar a obriga vixente dende o 30 de xuño de inscribilos no rexistro de contratos na Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) antes da súa entrada en vigor, están a comunicalles por escrito ás granxas que no caso de non asinar os contratos e entregar o leite asumen a aceptación automática da Proposta de Contrato ofertada pola industria. O Sindicato Labrego Galego xa procedeu a denunciar esta práctica na AICA, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, xa que consideramos que non é un método válido para dar por aceptada a relación contractual”.

Ao longo desta semana gandeiras e gandeiros do SLG manterán xuntanzas con representantes dos grupos parlamentares a fin de trasladar polo miúdo as claves do desequilibrio de forzas “que está a condicionar” a produción láctea impactando, unha vez máis, no elo máis débil da cadea: as granxas.

Asemade, a Dirección do Leite do SLG reunirase na Estrada para valorar dar inicio a accións de denuncia pública que poñan o foco nas industrias que abandeiran esta baixada sinalando as súas marcas comerciais, e informando ás persoas consumidoras para visibilizar que parte da distribución está a quedar cas marxes de beneficios.

Dende o SLG “defendemos o establecemento de prezos de abaixo cara arriba, que tomen como punto de partida os custos de produción e a remuneración do traballo da base da cadea produtiva, as gandeiras e gandeiros, e que os beneficios ao longo da cadea sexan articulados, como en calquera eido profesional, en base ao respecto da normativa a aplicar. Neste caso, canto menos, a Lei da Cadea Alimentaria, que de contar ca vontade da Xunta de Galicia e o Ministerio para a súa aplicación, debería ter impedido estratexias colectivas de baixada de prezo como as que as industrias lácteas nos están a impoñer arestora”.