Skip to main content

As localidades da provincia programan na época estival diferentes citas culturais, históricas e musicais.

A MARIÑA

A Mariña cobra especial relevancia durante o verán pola cantidade de festas que se celebran.

Así, nas relacionadas con recreacións históricas destacan a Festa Normanda de Foz, que será os días 24, 25, 26 e 27 de agosto, e que rememora a invasión errada dos viquingos sobre o pobo lucense; a Romaxe Vikinga do Vicedo, que se celebra na praia de Area Grande o sábado 29 de xullo; o desembarco de Carlos V ou Mercado Renacentista de Viveiro, na que as rúas da cidade do Landro trasládanse a outra época do 6 ao 9 de xullo; o Ribadeo Indiano, do 7 ao 9 de xullo, unha das citas clásicas do verán e que fai homenaxe ás familias emigrantes que tanto deron á terra galega; o Mercado Medieval de Mondoñedo, que chega a súa XXXI edición o 11, 12 e 13 de agosto; e o Mercado Medieval de Alfoz que adoita celebrarse a mediados de xullo e que conta con espectáculos, música en vivo, exposicións e moita diversión.

O culto á Virxe do Carme, o 16 de xullo, está especialmente arraigado nos pobos da Mariña coma Foz, O Vicedo, Burela, Ribadeo e Viveiro, que celebran vistosas procesións marítimas en homenaxe á patroa.

A comarca tamén conta coas exaltacións gastronómicas como a Feira do Bonito de Burela na que é posible degustar este peixe de variadas formas, á vez que se pode visitar no porto o barco-museo. Esta cita é a primeira fin de semana de agosto.

O porto de Celeiro convértese a mediados de xullo no escenario onde se rende homenaxe á raíña das súas capturas coa Festa da pescada do pincho de Celeiro. A lonxa acolle a degustación deste peixe capturado de xeito tradicional con anzol.

Na Festa do Percebe de Rinlo, que adoita celebrarse a primeiros de agosto malia que depende das mareas, os asistentes poden degustar este exquisito crustáceo a prezos inmellorables.

A primeira fin de semana de agosto, Barreiros rende homenaxe aos seus fillos emigrados que adoitan retornar á súa terra de orixe polo menos durante o verán. Así, no Festival Internacional do Emigrante, a alegría está asegurada coa queimada, os petiscos e a música de diferentes agrupacións folclóricas.

Coincidindo co Día da Gaita Galega, o 4 de agosto, o miradoiro de Santa Cruz, no monte de Ove, acolle a Romaría de Santa Cruz de Ribadeo, unha tradicional xira animada por grupos de gaitas e ofrendas florais.

As Festas de San Lourenzo de Foz, o 10 de agosto, son as festas por excelencia da vila focega, cuxa poboación se multiplica en agosto grazas á afluencia de veraneantes. Están amenizadas por orquestras, pasacalles, e grupos folclóricos, unha feira de mostras e un torneo de fútbol.

O sábado 12 de agosto, San Cibrao enxalza a súa cultura mariñeira recreando a lenda da súa famosa serea coñecida como A Maruxaina. Neste día, a xente do mar porta polas rúas á serea nunha procesión que culmina na praia do Torno, onde se lle realiza un particular xuízo que termina co seu indulto.

A Queimada Popular de Cervo, que adoita ser o sábado seguinte á Maruxaina, reúne na vila a milleiros de visitantes xunto cun bruxo vestido de palla encargado de pronunciar o esconxuro e escorrentar os malos espíritos coa máxica beberaxe.

Os últimos días de agosto, a contorna do río Landro, convértese en punto de encontro para milleiros de persoas que durante varios días gozan da Romaría do Naseiro. Neste lugar levántase un auténtico poboado con cabanas feitas ex profeso para desfrutar da festa.

Outro tipo de celebracións como son a Festa dos Chóferes de Alfoz, á que adoitan acudir centos de vehículos de todo tipo para recibir as bendicións dos párrocos. Esta cita será o 28, 29 e 30 de xullo; os tradicionais festexos do Conde Santo de Lourenzá, a última fin de semana de agosto, nas que destacan especialmente dúas tradicións, o pasacalles que todos os días realizan os xigantes e cabezudos, tamén chamados cocos, e a visita ao sepulcro do Conde Santo o domingo despois da misa. A Mostra Folclórica Internacional de Viveiro que posiciona a vila como un referente cultural durante a primeira fin de semana de agosto.

Tamén están as celebracións vinculadas á tradición cabalar, e que están declaradas tamén, son a Rapa das Bestas de Candaoso de Viveiro, o 2 de xullo, a de Santo Tomé no Valadouro a primeira fin de semana de agosto ou a do Turismo Rural do Vicedo nos prados do monte de Riobarba a mediados de xullo.

TERRA CHÁ

A primeira do verán é a Feira de Artesanía de Outeiro de Rei, que se celebra a primeira fin de semana de xullo e que fai coincidir coas patronais, na honra a Santa Isabel. Concentra unha media de 90 postos e complétase con outras actividades como unha andaina solidaria, demostracións, exposicións, concursos, obradoiros, e un sen fin de actividades.

Guitiriz conta cunha gran actividade no verán. A cita principal é a Feira da Cantería, Callos e Artesanía, que se celebra a mediados de xullo en Parga. Tamén nesta localidade ten lugar outra cita de interese, para abrir agosto, o Festival de Pardiñas, que é Festa de Interese Turístico de Galicia. Xa a mediados deste mes, tamén se celebra na localidade dos Vilares a Romaría Labrega da Chaira, de exaltación do traballo no campo, na carballeira do Cancelo. Tamén destaca por celebrar a primeiros de xullo o Festival de Cine de Música na localidade de Roca, unha iniciativa que segue a medrar.

En Rábade as festas patronais son no mes de agosto, a mediados. Non son unhas festas ao uso xa que varias actividades son moi destacadas. As festas dan comezo cun festival folk (Rabafolc) e conta no programa coa Esbatuxada, o descenso do río Miño en embarcacións de fabricación caseira; o Subidón dos avós, a tradicional carreira de avós e netos, ou a descarga pirotécnica.

Polas mesmas datas son as festas de Meira, nas que unha extensa programación que conta con merendas, carreira e Xira campestre, remata coa tradicional Malla, que é Festa de Interese Turístico Galego, sempre cara finais do mes de agosto, cunha malla no centro da localidade con exposición de maquinaria antiga incluída. En Meira tamén se recuperou o San Cristóbal, que se celebra a mediados de xullo. Malla tamén hai nas mesmas datas en Castro de Rei e en Friol, esta última de recente creación grazas ao colectivo A Castronela. Nas dúas capitalidades as festas patronais son en xullo mentres que en Castro Ribeiras de Lea teñen lugar a primeiros de agosto.

En Pol a festa principal é o 24 de agosto, que se celebra a tradicional Festa do Emigrante, que ten como eixe principal un xantar de confraternidade.

En Abadín regresa o Descenso de carrilanas, que se recupera este ano tralo parón de tres anos pola pandemia ao que se engade o novo Festival da Rumboia, organizado pola asociación do mesmo nome.

Na Pastoriza, coa desaparición do Lugnasad, a festa de recreación celta, só queda unha cita no concello para o verán, o Festival da Chaira, no mes de xullo. En Begonte tamén o verán destínase ás festas parroquiais e destaca unicamente a Festa da Empanada, que se celebra no Club Fluvial despois do 15 de xullo. En Cospeito, queda como eixe da programación estival o Festival Cultural Pozomouro, que se celebra en agosto en Muimenta.

En Muras a gran cita deportiva do verán é o Trail das Bestas, que ten lugar o 16 de xullo.

As festas que pechan o calendario de verán son as de Vilalba, que contan cun programa moi amplo, no que destaca a Xira, que conta con dúas partes, a de maiores e a da mocidade. As festas dan comezo a finais de agosto e se alongan ata os primeiros días de setembro.

Na veciña localidade das Pontes, a principal cita serán as Festas do Carme, que se celebran xunto á tradicional Romaxe da Fraga. Os veciños acoden coas súas comidas á ribeira do río Eume festexando o Día de Santiago Apóstolo.

LUGO

A capital perde protagonismo no verán. Pola contra, na súa comarca destaca a Festa do Pemento de Mougán, en Guntín, que se celebra na Carballeira de Meixaboi, na parroquia do mesmo nome. Nela pódese degustar este famoso pemento de forma gratuíta. Ten lugar a primeiros de agosto, antes da Festa Artesanal de Ferreira de Pallares.

En Castroverde as festas patronais son coincidindo co Santiago Apóstolo e rematan o mes coa Feira do Cabalo. Xa a finais de agosto celébrase tamén a Feira da Artesanía e a Gastronomía, con demostracións de oficios.

En Portomarín e O Corgo as festas e grandes citas non son no verán, pero neste último fíxose o último ano unha Feira de Ano en Gomeán, a mediados de agosto, e o I Mercado de Oficios, centrado na artesanía a finais de mes.

A ULLOA

En Monterroso, a finais do mes de xullo teñen lugar varias citas festeiras na localidade. Comezan co Concurso de tapas e celebran tamén a Festa Retro e a Festa da Xuventude, en fins de semana consecutivos. Sobre a 15 de agosto tamén se celebra en Monterroso a tradicional Malla. En Palas de Rei tamén hai Festa da Xuventude a mediados de xullo.

SARRIA

Na comarca sarriá prevese a segunda edición da Foliada de Láncara, o 29 de xullo.

Sarria celebra, por outra parte, o seu décimo DHU Vila de Sarria, un descenso en bicicletas polas rúas da vila, onde os mellores corredores terán que saltar desde teitos de casas, esquivar obstáculos e chegar á meta no Chanto no menor tempo posible.

Cambiando xa de concello, o día 12 de agosto terá lugar, a Festa da Troita en Láncara, un evento que se programa todos os anos en datas próximas ao San Roque, ao que se lle dedican as festas patronais da Pobra de San Xiao. Durante esta Festa da Troita, establecementos hostaleiros de Láncara serven quilos de maneira gratuíta. A intención da festa é exaltar o produto tradicional da zona.

Ese mesmo día, o 12 de agosto, terá lugar a Festa da Xuventude en Vilaragunte, Paradela, organizada pola Asociación de Veciños da parroquia.

O 13 de agosto, Samos recuperará a súa Feira de Produtos Artesanais, que non se celebraba desde antes da pandemia, na que haberá actividades durante todo o día con postos de artesanía, degustación de produtos e actuacións musicais.

Xa o 19 de agosto, Láncara acollerá a Festa da Xuventude na praia fluvial da Pobra de San Xiao, como o ano pasado. Esta iniciativa estará, ademais, enmarcada nas Festas de San Roque, que darán comezo uns días antes e que acollerán actuacións musicais, a degustación da Troita de Río Neira, xuntanzas motociclistas ou carreiras de rolos.

RIBEIRA SACRA

O primeiro evento da Ribeira Sacra será a Feira Tradicional Outrora en Bóveda, o 14 de xullo. Durante esta festa, veciños e visitantes poderán desfrutar de exhibicións con motoserra, obradoiros de artesanía familiares, xogos tradicionais, degustacións de comida e moita música.

Ese mesmo día e os dous seguintes, é dicir, desde o 14 ata o 16 de xullo, celebrarase a edición XLIX edición da Subida a Chantada. Este evento é o Campionato de España de Montaña e faise en memoria de Manuel Varela González.

Un día despois, terá lugar o Encontro Nacional de Festas Tradicionais con Lume en Castelo Taboada, no que se exporá a importancia destas festas do Lume en diferentes localidades de España.

Xa o 22 de xullo, Folgoso do Courel acollerá a súa Festa da Cultura e a Tradición, que contará con exposición de xogos tradicionais e postos de artesanía, pero a súa actividade máis importante é a Baixada de Carrilanas, na que poderán participar as persoas que queiran.

Con respecto a agosto, o primeiro evento será no concello de Quiroga, celebrará do 3 ao 6 de agosto as súas Festas do Verán, que rematarán o día 10 coa Mostra do Mel.

O Saviñao acollerá unha nova edición de Música na Rúa os días 4, 5 e 6 de agosto; nos cales os veciños e visitantes poderán desfrutar de varias actuacións musicais de grupos de música recoñecidos.

No concello de Monforte, pola súa parte, do vindeiro 4 ao 9 de agosto terá lugar a 23ª edición da Feira de Artesanía Artelemos, que contará con moitos e variados postos de artesanía.

O domingo 6 de agosto, ademais, celebrarase o Filandón de Músicas do Courel en Folgoso, un evento de interese turístico, que acollerá actuacións de cantores brindeiros, coplas de cego e gaiteiros, entre outros.

Un día despois comezarán as Festas Patronais de Monforte, que durarán ata o 16 de agosto e contarán co grandes concertos, así como o Festival Cómico Festivo A Rúa é Vosa.

Pola súa parte, as Festas na honra á Virxe dos Miragres de Taboada durarán tres días, do 11 ao 14 de agosto, e acollerán, entre outras actividades musicais, culturais e turísticas.

En Sober, do venres 12 ao sábado 13, terá lugar a Feira da Rosca, na que haberá postos de gastronomía propia, como a rosca de pan, o mel ou outros produtos da Ribeira Sacra. Ademais, no marco desta iniciativa, desenvolverase o Túnel do Viño de Amandi, unha ocasión para saborear o sabor dun viño único, e a Feira Avícola.

Xa o xoves 17 comezará en Monforte o Ciclo Monforte Fusión, no que durante tres días haberá actuacións musicais con propostas diferentes, como pezas de música lixeira, jazz, tango, bolero, bossa nova, funky, soft rock ou o swing.

O sábado, día 19, terá lugar unha nova edición da Festa Castrexo Romana Qui-Roma, en Quiroga, na que haberá diferentes actividades para recordar o pasado romano e castrexo da zona con rutas de cabalos, desfiles, exposición de cetrería e recreación de loitas de gladiadores.

En Chantada, o mes de agosto termina con moitas e diferentes actividades, que terán lugar desde o 23 de agosto, coa Mostra de teatro Maruxa Villanueva en Chantada, ata o 29 de agosto, coa Festa da Empanada.

Concretamente, do 23 ao 27 agosto Chantada acollerá diferentes representacións teatrais no marco da Mostra; mentres que as Festas Patronais comezarán o 25 e acollerán o Folión de Carros o 26. Así, rematarán o 29.

O mesmo día, o 27 de agosto, pero en Quiroga, terá lugar a Feira de Artesanía e Produtos Locais.