Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación destina 110.000€ a 37 asociacións que impulsan as Reservas da Biosfera

Por 22 Xullo, 2023Sin comentarios

A voceira socialista do Goberno destacou que nesta terceira edición “decidimos potenciar o programa subindo o orzamento nun 30% polo bo resultado que tivo nestes anos, o que nos permitirá desenvolver máis accións para dinamizar estes territorios”.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe provisional dos 37 beneficiarios da liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva que convoca a institución provincial por un importe de 110.000€ para entidades sen ánimo de lucro asentadas ou que teñen o seu ámbito de actuación nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, sinalou que nesta terceira edición do programa de subvencións, “que implantamos no pasado mandato, decidimos potencialo subindo o orzamento nun 30%, ata os 110.000€, polo bo resultado que tivo nestes anos, o que nos permitirá desenvolver máis proxectos de dinamización das Reservas da Biosfera”.

Estas axudas teñen por finalidade, subliñou García Porto, “apoiar proxectos vinculados ao medio ambiente e o rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios, e forman parte da estratexia que promovemos dende a institución provincial para favorecer o coidado das Reservas da Biosfera que xestionamos e, ao mesmo tempo, impulsar o seu desenvolvemento económico dun xeito sostible e contando co tecido social e produtivo da zona”.

En concreto, a institución provincial ten dúas liñas de axudas, destinando un total de 60.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño e 50.000€ para a dos Ancares Lucenses, repartidos en axudas de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto presentado.
Na listaxe provisional aprobada na Xunta de Goberno de hoxe figuran iniciativas tan diversas como o acondicionamento de camiños, tarefas de conservación de contornas naturais, actividades con colexios para o desenvolvemento de hortos, dinamización agroecolóxica ou accións formativas. Nos vindeiros días publicarase a listaxe das entidades beneficiarias no Boletín Oficial da Provincia, e a partir desa data abrirase un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións.

 

OUTROS ASUNTOS

Por outra banda, na Xunta de Goberno acordouse adxudicar o contrato para a dixitalización do Boletín Oficial da Provincia entre os anos 1984 e 2003 por un importe de preto de 17.000€.

En materia de contratación, tamén se adxudicou a prestación do servizo de mantemento integral das instalacións de protección contra incendios dos Centros de Atención de Maiores de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. A empresa adxudicataria é Atende Servicios Integrados SL e o importe de adxudicación ascende a preto de 41.000€.

Así mesmo, saíu adiante a adxudicación dun contrato para o subministro dun camión 4X4 con caixa basculante para terra e cuña quitaneves, que se incorpora ao Parque Móbil en substitución doutro das mesmas características, e acordouse solicitar á Consellería de Medio Rural unha axuda de 40.000€ co fin de adquirir unha cisterna de xurro para a Granxa Gayoso Castro. A Deputación aportará os 60.000€ restantes para chegar aos 100.000€ que son necesarios para comprar esta maquinaria.