Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Tomé fai un balance positivo da campaña socialista na última sesión

Por 22 Xullo, 2023Sin comentarios

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo valorou que “rematamos a campaña con moi bo sabor de boca” e sinalou que outros catro anos de Pedro Sánchez é “o que España necesita e o que merece, porque que estamos o bo camiño”.

O secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, presidente da Deputación e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, fixo esta mañá un balance “moi positivo” da campaña dos socialistas e pediu o voto “para que a provincia de Lugo siga avanzando”. Nese sentido, Tomé Roca fixo un chamamento á cidadanía para que vaia votar este domingo porque asegurou que a provincia “xógase moito”, tanto en dereitos e políticas sociais, como en investimentos para obras e proxectos fundamentais.

“Rematamos a campaña con moi bo sabor de boca e pídolles ós cidadáns que lle dean a Pedro Sánchez a oportunidade de Gobernar en España outros 4 anos porque creo que España o necesita, o merece, e estamos no bo camiño”, sinalou o secretario Xeral do PSdeG na provincia, onde destacou que se fixo “moi boa campaña, en propositivo, na que trasladamos o que fixemos como Goberno e o que queremos seguir facendo: seguir mellorando os servizos públicos e seguir modernizando o país con proxectos dos fondos europeos que fomos capaces de conseguir os socialistas”.

Valorou e agradeceu Tomé Roca “o colofón” da campaña dos socialistas, co mitin central de Pedro Sánchez que tivo lugar onte no Auditorio Municipal Gustavo Freire, “seguido por 4.000 persoas que non collían no recinto e tiveron que quedar fóra vendoo por pantallas”. E dixo do acto que “demostrou o interese que teñen os cidadáns polas cousas que trasladamos os socialistas e trasladou unha boa expectativa de mobilización que teñen os candidatos e especialmente o presidente do Goberno, Pedro Sánchez”.

Contrapuxo a estratexia do PSOE á do Partido Popular, “cunha campaña baseada en mentiras, en bulos e incluso, ás veces, en insultos e desprezos ó presidente do Goberno”. Respecto da visita onte a Lugo de Mariano Rajoy dixo “que debeu vir de vacacións, porque cando el era presidente non fixo absolutamente nada pola provincia e paralizou o tren de alta velocidade a Lugo e a Galicia”.

José Tomé apuntou que o cabeza de lista do PSdeG-PSOE ó Congreso pola provincia, José Ramón Gómez Besteiro, “vai defender os intereses de Lugo en Madrid con toda a forza”. Destacou a boa conexión que teñen os socialistas da provincia co Goberno do Estado e chamou ao electorado a aproveitar esa oportunidade o vindeiro 23 de xullo.
Perigan os investimentos para Lugo.

Nese sentido, o secretario Xeral dos socialistas da provincia fixo referencia ós investimentos as infraestruturas e proxectos “importantísimos para a provincia que poderían quedar nun caixón co ascenso do Partido Popular, como xa pasou cando chegou Mariano Rajoy. Pepe Blanco deixou contratada a estación intermodal de Lugo, para que chegara a Alta Velocidade a Lugo e a señora Pastor anulou ese contrato e deixaron caducar a declaración de impacto ambiental da variante dos Peares-Canabal. O AVE a Galicia estivo parado ata que chegou Pedro Sánchez hai 5 anos”, sinalou.

Lembrou que durante os anos do Goberno do PP “na A-76 non se fixo absolutamente nada e este ano hai 123M€ nos Presupostos Xerais do Estado para a licitación do primeiro tramo”. “Eu pediría á xente que, primeiro vaia a votar e que decidan co seu voto o que queren para o seu país. Que teñan moi en conta todas estas cuestións que afectan ó noso territorio porque, se cambiamos de Goberno, todo isto corre o risco de non facerse”, explicou.

Puxo como exemplo as infraestruturas pendentes da Xunta de Galicia, “gobernada todos estes anos polo señor Feijoo, agora candidato a presidente do Goberno, que leva anos enganándonos coa Rolda Leste ou co Porto Seco de Monforte”.

“Non é o mesmo quen goberne”

“Non é o mesmo quen goberne, iso é o que tratamos de explicar nesta campaña”, apuntou José Tomé, “porque todos recordamos como saímos da anterior crise co Partido Popular, que foi axudarlle ós bancos, a desatender ós cidadáns, a facer unha reforma laboral brutal onde practicamente todo o mercado laboral pasou a ser eventual, cunha rebaixa de salarios tremenda. Creo que ninguén quere volver a ese escenario”.

Neste sentido, o líder dos socialistas na provincia puxo en valor as políticas do Goberno de Pedro Sánchez nos últimos anos e confrontounas coas medidas de anteriores gobernos do PP. “ Nós subimos as pensións aos maiores. O Partido Socialista é capaz de que as pensións se revaloricen segundo o IPC, para que suban segundo sube o custo da vida. Pero o PP tíñanos afeitos a que subiran un 0,25. Custaba máis a carta que mandaban para informar de que as subiran que o que aumentaba as pensións, que era 3 ou 4 euros”.

Sinalou José Tomé que “a economía vai moi ben” a pesar das enormes dificultades que xurdiron nesta lexislatura, “a máis difícil que tivo ningún presidente na etapa democrática”, marcada pola pandemia, a guerra de Ucraína ou o volcán da Palma. E destacou que “sempre vai haber persoas con dificultades, pero nunca tanta xente estivo traballando”.