Skip to main content
Folgoso do Courel

A intersubstitución entre centros sanitarios levada a cabo en Folgoso do Courel é criticada por Caurel Vivo

Por 4 Xullo, 2023Sin comentarios

Caurel Vivo denuncia que o Sergas segue sen cubrir as baixas e vacacións do persoal sanitario nos Centros de Saúde no Courel, “mesmo cando hai profesionais dispoñibles nas listas de contratación”, explican.

Así, din que se leva a cabo unha intersubstitución entre centros, é dicir, que os sanitarios de Folgoso se despracen a Seoane parte de mañá e viceversa, “o que supón unha perda de servizos sanitarios para os pacientes e un desmantelamento dos mesmos, quedando os centros desprovistos de persoal parte da mañá”, critican.

Desde o grupo político argumentan que “non podemos tolerar tanto desprezo por parte da Xunta de Galicia cara a zona de montaña e ao noso concello en particular” porque din estarse a “vulnerar varias normativas comunitarias e o Artigo 43 da Constitución”, que recoñece o dereito á saúde de cada persoa e que “compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servicios necesarios”.

Por iso, teñen claro que “non imos permitir que nos saquen nin un servizo máis, que non se cubran as baixas e libranzas dos profesionais sanitarios”, polo que pretenden “chegar a onde sexa con este problema reiterado e non nos quedaremos cos brazos cruzados mirando a falta de empatía e desprezo que teñen desde un sillón na urbe cos servizos no rural”.