Skip to main content
Folgoso do Courel

A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel organiza o ‘Filandón das Rapatoxas’

Por 8 Xullo, 2023Xullo 9th, 2023Sin comentarios

O ‘Filandón das Rapatoxas’ terá lugar o vindeiro 15 de xullo da man dos organizadores da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel na parroquia de Vilamor do Courel.

Nesta xornada combinarase o lecer das tradicións ligadas á vida rural da Serra do Courel co traballo do voluntariado, xa que a Asociación pretende con esta actividade pór en valor a labor do voluntariado xestionado pola coordinadora autoorganizada das aldeas que leva dende o primeiro día traballando en todas as frontes para borrar a pegada do lume.

Ao longo de todo o día poderase ver a exposición de fotografías e texto ‘Acción directa non violenta no rural’, que amosa experiencias de rexeneración da natureza tras os lumes.

Outras actividades da xornada

Ademais da exposición, de 12.00 a 14.30 horas celebrarase o obradoiro práctico ‘Simbiose entre o baile e a música tradicional’, no que se estudará a relación entre a música e o baile no contexto das foliadas dirixido por Artur Puga (baile) e Úrsula Rial (música).

Tamén se fará a actividade de voluntariado ‘Traballar as bouzas ao longo do ano’, que consistirá en quitar pedras do terreo, estercar e sementar. Vanse arrincar mimosas e piñeiros do monte comunal para logo plantar trigo que máis adiante segarán. Por outra parte, haberá un posto de comida con touciñada, polbo á brasa e sidra de Doncos.

Obradoiros en setembro

Con motivo do seu 25 aniversario, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel deseñou o proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ integrado por 11 subproxectos a través dos que transmitir a visión dun Courel con vida, dun Courel con futuro.

Un deles é o Filandón das rapatoxas, pero haberá outros dous obradoiros en setembro, un deles será un encontro participado arredor do lume, un obradoiro de superación do trauma despois dos lumes e outro sobre crear comunidade que vai impartir a Cooperativa Rexenerando, quen vai facilitar as ferramentas para facer grupos para a transformación social.