Skip to main content
Sober

O futbolista soberino Ramón Rodríguez foi recoñecido como embaixador do Concello de Sober

Por 3 Xullo, 2023Sin comentarios

O Concello de Sober organizou unha recepción oficial ao futbolista Ramón Rodríguez, de Neiras, gardameta e campión de Europa con Galicia da Copa das Rexións da UEFA na que participou a familia do xogador, como o seu sobriño, que xa está de porteiro de categorías inferiores do Calasancio; así como directivos é ex adestradores de Ramón no Calasancio.

Ramón Rodríguez, de só 24 anos e que compaxina o fútbol coa súa profesión de docente, conseguiu o éxito en Vilagarcía de Arousa ante 4.000 espectadores e a súa actuación foi determinante, tanto na final como nos dous partidos previos que disputou nesta última fase, na que Galicia xogou contra os representantes de Irlanda, Bosnia e Alemaña.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, fíxolle entrega dunha peza de Gundivós a modo de agasallo institucional como embaixador do Concello de Sober.

Traxectoria

O soberino formouse na canteira do Calasancio. A súa calidade non pasou desapercibida para os grandes do fútbol galego, e foi o Deportivo o primeiro en fichalo.

No club herculino progresou, e ademais de xogar no Fabril foi convocado por Víctor Sánchez del Amo polo primeiro equipo do Dépor para o partido que disputaron no Sánchez Pijuán en Primeira División. Somozas e Fisterra foron as súas seguintes paradas, sen esquecer o seu paso polo Lemos en Preferente.

Actualmente, o gardameta soberino é todo un referente no club ourensán UD Ourense no que cumpriu a súa segunda tempada. Contribuíu ao ascenso de Preferente a Terceira e á clasificación para o play off de ascenso a Segunda RFEF. Esta campaña disputou como titular un total de 22 partidos, sendo un dos gardametas menos goleados da categoría. A vindeira temporada xogará no Arteixo.