Skip to main content
Sober

Xa pode visitarse a mostra fotográfica ‘Anhelos’ promovida polo departamento de Servizos Sociais de Sober

Por 17 Xullo, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

A mostra fotográfica ‘Anhelos’ sobre a deconstrución da masculinidade tradicional foi exposta polo no Centro Sociocultural de Sober da man do Goberno local, que lanza este novo proxecto tras o éxito acadado pola exposición ‘Inmarcesibles’ sobre a beleza real feminina. Ademais, as persoas participantes puideron desfrutar dun percorrido para ver as fotografías, así como houbo un concerto do cantautor Emilio Rúa.

A iniciativa está promovida polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Sober e pretende facer reflexionar sobre a necesidade de deconstrución do modelo de masculinidade dominante e sobre a necesidade de xerar novas formas de relación coas mulleres, vínculos máis libres para ambos e afastados do que a sociedade patriarcal nos inculcou e nos vendeu como “normal”.

Así pois, as impulsoras do proxecto consideran “necesario que os homes leven a cabo unha reflexión sobre a súa identidade e sobre a súa capacidade de transformación social, que sexan conscientes de que o proceso de socialización os envía e os sitúa baixo un modelo dominante de masculinidade tradicional asentado e reforzado por un sistema patriarcal férreo”.

“Son mandatos que non lles deixan espazo para realizarse a eles mesmos, pois indícanlles como teñen que ser e como han de actuar, cadeas inxustas que os envolven limitando a súa existencia, dificultándolle, tamén, ter relacións xustas e igualitarias coas mulleres”, apuntan.

A mostra fotográfica

Con este obxectivo, empregouse a fotografía contando novamente coa profesional María Fernández. A exposición conta cun total de 19 fotos, nas cales aparecen, de forma voluntaria, 41 persoas -34 homes e 7 mulleres-, entre os que se atopa o alcalde do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián.

A maior parte dos modelos son da zona de Sober e arredores, aínda que tamén hai participantes doutras provincias galegas e incluso estranxeiros que quixeron colaborar de xeito desinteresado coa iniciativa.

Ao igual que a mostra ‘Inmarcesibles’, esta exposición fotográfica será itinerante, polo que se trasladará por aqueles concellos e institucións que están interesados na súa proxección. Inicialmente estará no Centro Sociocultural de Sober os meses de xullo e agosto.

Esta actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, dentro das transferencias para o desenvolvemento de novas e ampliadas competencias reservadas as entidades locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.