Skip to main content
O Incio

O Incio acolle sesións de cine, concertos, espectáculos e actividades deportivas durante este verán

Por 22 Xullo, 2023Xullo 23rd, 2023Sin comentarios

O Incio acolle diferentes actividades para este verán co fin de que desfruten todos os públicos, tanto nenos como adultos e público familiar tras o éxito da festa de verán na que nenos e adultos puideron desfrutar de inchables e as actividades de puddel surf no encoro de Vilasouto.

Así, o goberno local programa tres sesións de cine os días 26 de xullo, 14 de agosto e 28 de agosto. No caso do mércores, día 26, proxectarase ‘Padre no hay más que uno’ no local social de Vila de Mouros ás 22.00 horas; mentres que o 14 de agosto terá lugar ‘Padre no hay más que uno 2’ no mesmo lugar á mesma hora. Por último, o 28 de agosto poderase ver a terceira parte desta triloxía de novo no local social de Vila de Mouros, ás 22.00 horas.

Música e outras actividades

Por outra parte, o venres 28 de xullo haberá un concerto de Os Parentes, na Praza de España ás 22.00 horas, mentres que o martes 1 de agosto a Praza de España acolle o espectáculo para público adulto ‘Contos de contrabando’ a cargo de Avelino González.

Xa os días 7 e 8 de agosto haberá un curso de piragüismo a cargo do club Quixós en Vilasouto ao que se poderán apuntar as persoas interesadas no Concello do Incio.

Mentres, o xoves 17 de agosto os máis pequenos da casa e o público familiar poderán gozar do conto musicado ‘O oso caroso’ na Praza de España ás 18.00 horas e o martes 22 de agosto a música encherá a Praza de España a partir das 20.00 horas co concerto ‘Carta de Ajuste’.

Por último, o venres, 1 de setembro, terá lugar a última actividade programada do verán co ‘Circo Chosco: Forzu2’ no local social de Vila de Mouros ás 19.00 horas.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destaca que se trata de actividades nas que poden participar todas as persoas que o desexen “coas que tratamos de ofrecer un verán entretido con propostas culturais e de ocio para todos os públicos e de carácter gratuíto”.