Skip to main content
AbadínCospeito

Comezan as obras de mellora do firme na estrada entre Abadín e Cospeito

Por 19 Xullo, 2023Xullo 20th, 2023Sin comentarios

A actuación forma parte do contrato de reforzo da capa de rodaxe en 4 estradas da Xunta nas comarcas de Lugo e da Terra Chá, cun investimento de máis de 3,4 M€.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-121, no treito que comunica os municipios de Abadín e de Cospeito.

Esta actuación forma parte do contrato de acondicionamento da capa de rodaxe previsto en 4 estradas de titularidade da Xunta ao seu paso polas comarcas de Lugo e da Terra Chá, cun investimento de máis de 3,4 M€.

O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas LU-111, LU-121, LU-120 e LU-113, nos municipios de Rábade, Abadín, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.

Os traballos comezaron pola estrada LU-121, onde se actuará no tramo de máis de 3,7 quilómetros entre o punto 0 ao 3+700, nos concellos de Vilalba, Cospeito e Abadín.

As intervencións obxecto deste contrato inclúen ademais a rehabilitación do firme na LU-111, do punto quilométrico 0 ao 12+910 e do 13+980 ao 18+420, nos concellos de Rábade, Begonte, Cospeito e Vilalba.

Tamén se intervirá na LU-120 para a mellora do o firme desde o quilómetro 0+000 ao 30+390, que discorre polos municipios de Vilalba, Cospeito, Abadín, Castro de Rei e A Pastoriza.

Estas actuación completarase cos mesmos traballos na LU-113, desde o punto quilométrico 0+000 ao 6+000, nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Abadín.

As intervencións, cun prazo de execución de 6 meses, consisten na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, completado co repintado das marcas viarias.

Tamén se inclúen nestas obras outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.