Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Regresa a Malla de Castro de Rei logo de tres anos sen celebrarse

Por 14 Xullo, 2023Agosto 25th, 2023Sin comentarios

O concello de Castro de Rei recupera este ano a popular Festa da Malla logo de tres anos sen celebrarse pola pandemia da covid. Precisamente este ano cumprirase a edición número XX.

Como sempre, a festa dividirase en tres xornadas. A primeira, a sega, terá lugar o sábado 22 de xullo na finca de Gulpilleiras, onde se traballará en 4.000 metros cadrados. A quedada será ás 10:00 diante do bar Ruta do Azúmara e comezarán o labor media hora despois.

A seguinte xornada terá lugar o 13 de agosto coa meda que dará comezo ás 11:00 horas no campo da feira de Castro de Rei coincidindo coa feira quincenal.

Para rematar, o domingo, 20 de agosto, regresa a malla, día principal da festa, que comezará ás 10:00 horas no campo da feira. Ao mediodía será o xantar popular amenizado por un dúo musical.

Novamente a organización preparará, como en anos anteriores, uns tickets para mercar os interesados en sumarse á comida, que estarán dispoñibles para a súa compra desde o 22 de xullo ata o 17 de agosto no Supermercado Claudio, Germán Naval Lage e Libería Maduca.

O menú do xantar da Malla está composto por empanada, cachola, chourizo, sardiñas, membrillo, queixo, pan, bebida e café e o prezo da tarxeta será de 18 euros.

Un ano máis esta festividade está organizada pola Asociación Amigos da Feira, que leva 20 edicións ocupándose desta festa coa que se intenta recuperar unha tradición agraria da zona.

As previsións estiman unha participación de 600 persoas, que é o número habitual das últimas citas.