Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

O PSOE de Castro de Rei urxe ao Concello o arranxo das áreas de ocio

Por 15 Xullo, 2023Sin comentarios

A voceira Socialista de Castro de Rei, Alba Sinde avanzou que defenderá unha moción no vindeiro pleno coa que reclama ao Concello o arranxo e mantemento das infraestruturas de ocio da vila. Concretamente, a través desta proposta, demanda “o adecentamento e a limpeza das áreas recreativas de Castro de Rei e a de Castro Ribeiras do Lea, así como ás pistas deportivas de Castro e a sinalización da Ruta BTT”.

Os socialistas de Castro de Rei esíxenlle ao goberno do PP “unha limpeza urxente para que estas instalacións poidan ser usadas, aló menos no último mes do verán”. Ademais advirten que estes espazos “xa deberían estar arranxados e en perfecto estado antes do verán, para que as veciñas e os veciños e visitantes puideran usalos e desfrutalos”.

As dúas áreas fluviais, tanto a de Castro de Rei como a de Castro Ribeiras do Lea, “atópanse nun estado de total abandono, facendo imposible o baño da veciñanza nas súas augas”. E polo que se refire a ruta da BTT, pese a ser moi utilizada polos afeccionados ao ciclismo, “evidenciamos a falla de sinais, así como o seu deterioro actual o que complican o seu uso polos visitantes”.

Por último, as pistas deportivas de Castro Ribeiras do Lea, aínda que si poden utilizarse, “amosan un estado de abandono, xa que tal e como comprobamos a canastra está rota, nacen herbas polo medio das pistas, as porteiras non teñen rede e as instalacións están sucias”, lamentan dende o PSdeG.

Os socialistas de Castro de Rei sinalan que o mal estado destas instalacións e espazos públicos “amosan unha mala imaxe do concello, tanto para os turistas que nos visitan nestes meses verán, como para as veciñas e veciños e os usuarios dos campamentos municipais da nosa vila, xa que non poden desfrutar de actividades lúdicas e deportivas nestes espazos tan senlleiros de Castro de Rei”.