Skip to main content
As Pontes

O colectivo HUME das Pontes entrega os seus premios e convoca unha nova edición

Por 3 Xullo, 2023Xullo 6th, 2023Sin comentarios

A Asociación de Estudos Históricos das Pontes fará entrega este xoves, 6 de xullo, dos premios HUME na súa sétima edición do Certame de Investigación. O acto terá lugar na Casa Dopeso a partir das 20.00. horas e aproveitarán a ocasión para presentar a revista número 15.

O pontés Miguel Ledo Roca e o lucense Enrique Tort Vázquez foron os gañadores este ano do VII Premio de Investigación Hume das Pontes, convocado en 2022, por dous traballos de divulgación da historia local.

O xurado acordou outorgar o primeiro premio, cunha dotación económica de 2.000 euros e a publicación da obra na próxima revista Hume, ao traballo La Pardo. Nel se fai unha recompilación da  historia do colexio Nebrija Pardo Bazán, e que vai acompañado dun libro con fotografías.

O autor é un mozo de 23 anos que vén de rematar o grao de Bellas Artes e está a facer o de Deseño Gráfico.

O segundo premio do certame de Hume foi para A industria como soporte artístico. As Pontes de García Rodríguez, obra do lucense Enrique Tort Vázquez, graduado en Arquitectura que conta con 25 anos.

Segundo comunicou o xurado, este traballo fai un repaso da visión da industria e do patrimonio industrial a través da arte.

Durante o acto, farase entrega dun exemplar a cada asistente.

NOVA CONVOCATORIA

Ademais, a asociación de Estudios Históricos e Sociais volveu convocar unha nova edición do premio Hume de investigación, a VIII.

Como en anos anteriores, os temas da investigación versarán sobre aspectos históricos, artísticos, arquitectónicos, etnográficos e do patrimonio cultural do Concello das Pontes de García Rodríguez ou concellos colindantes.

O prazo de presentación de traballos xa está aberto e rematará o 1 de decembro e a decisión do xurado saberase a primeiros do ano 2024.

Concederase un primeiro premio de 2.000 euros, un segundo premio de 1.000 euros e un accesit de 200 euros. Os traballos presentados, sexan premiados ou non, poderán ser publicados na revista Hume e pasarán a formar parte do fondo documental da asociación.

Os traballos deberán ser entregados nun sobre pechado baixo pseudónimo ao seguinte enderezo: Secretaria da Asociación Hume, Apdo. Postal 106, 15320, As Pontes de García Rodríguez.