Skip to main content
Vilalba

Vilalba publica as ordenanzas de xestión de axudas e do comedor da Escola Infantil

Por 1 Xullo, 2023Sin comentarios

O Concello de Vilalba vén de facer públicas dúas ordenanzas, a reguladora de subvencións e axudas do Concello de Vilalba e o regulamento do comedor municipal da Escola de Educación Infantil de Vilalba.

O Concello de Vilalba publicou a ordenanza sobre axudas para responder adecuadamente ás necesidades que a actividade subvencional das Administracións Públicas esixe actualmente nos aspectos de transparencia, control financeiro e réxime sancionador, segundo explicou o Concello.

A Ordenanza Xeral de Subvencións contempla as actividades de tipo social, cultural, deportivas e outras, cuxas convocatorias son as máis frecuentes no ámbito municipal, precisamente polo seu carácter complementario dos servizos públicos.

Vilalba cumpre así con todas as obrigacións legais e normativas, previas á aprobación das diferentes convocatorias de subvencións.

A presente ordenanza ten por obxecto a regulación do réxime xurídico xeral e das bases reguladoras das subvencións que se outorguen polo Concello de Vilalba, iso sen prexuízo de que, ao amparo do artigo 17.2 da Lei 38/2003, do 12 de novembro, Xeral de Subvencións, poidan aprobarse Ordenanzas específicas que establezan as bases para modalidades concretas de subvencións; nese caso, a presente Ordenanza Xeral terá carácter supletorio.

Podes consultar a ordenanza no seguinte enlace.

ESCOLA INFANTIL

Por outra banda, tamén se fixo público o regulamento do comedor da Escola Infantil de Vilalba. Esta normativa ten por obxecto establecer as normas de organización e funcionamento deste servizo público básico, ademais de ser “un servizo educativo, complementario, compensatorio e social que constitúe un instrumento imprescindible para contribuír á conciliación da vida laboral, familiar e persoal das familias”, como din desde o Concello.

O comedor escolar municipal está situado na planta baixa do Centro de Educación Infantil. Está equipado coas instalacións que determina a lexislación vixente e ten unha capacidade de 45 comensais.

Os menús estarán elaborados atendendo ás condicións dietéticas, sanitarias e hixiénicas esixidas para atender ás necesidades nutricionais dos usuarios/as do servizo.

Pódese consultar a normativa neste enlace.